Suso Lista: “No mar habería que facer unha revolución, igual que na terra”

EntrevistaSuso Lista de Montse Dopico a Suso Lista en Praza:
“- Praza (P): Contas nun dos relatos que escribes [Salseiros] o que che sae, sen pensar moito antes. Por iso esa frescura…
– Suso Lista (SL): É que non tiña ordenador na casa. Ía escribir, despois de traballar, ao local da Asociación de Veciños, e tiña moi pouco tempo antes de que pechasen. Ás veces ía xa no coche pensado un tema, pero nada máis. Non había planificación ningunha. As fotos servíanme de punto de partida, e escribía o que a foto me suxería.
– P: Creo que foi Manuel Lourenzo, que che daba aulas de teatro, outro dos de que te animaron a publicar…
– SL: El foi o primeiro, de feito. Xa antes de que eu tivese o blog. Eu ao principio o que escribía eran os contos que me contou miña avoa e cousas así. Manuel Lourenzo animábame moito, e así comecei a escribir máis cómodo. Sempre che gusta que a xente tan importante lle guste o que fas… Tamén Manolo Rivas: foi outro dos que me dicían que escribise… Aínda que eu non son nada vaidoso. Creo que o importante é que te divirta escribir, e eu paseino moi ben escribindo estes relatos. Se non te divirte, non ten sentido. Entendo que Suso de Toro decidise abandonar, por iso. (…)
– P: Cando se fala de mestura de realidade e ficción saen os tópicos: realismo máxico, Cunqueiro… Mais se cadra non é máis que a tradición de literatura oral, que é así.
– SL: Si, claro. É o tipo de historias que escoitabas. Ademais, eu non lera a Cunqueiro cando comecei a escribir. Despois lin As crónicas do Sochantre e quedei fascinado. Desde entón leo en galego sen problema. Como dicía antes, eu ao principio lía en castelán. De feito, comecei cando estaba embarcado como mariño mercante. Lía as novelas de vaqueiros de Estefanía. Despois xa comecei a ler outras cousas… Mais si, creo que á xente o que lle gusta, cando lle contan historias, é imaxinar. E eu tento escribir así, como se me estivesen contando a min unha historia. Despois, cada salseiro ten a súa gotiña…
– P: Nos relatos saen moitos temas relacionados contigo e con Corme. Como a túa loita pola pesca sustentable.
– SL: É un tema que sempre me preocupou, e máis cando fun patrón maior da confraría. É que no mar habería que facer unha revolución, igual que na terra. O mar é unha riqueza inmensa, e é incrible que a xente non poida vivir del e teña que marchar. Corme tivo case 5.000 habitantes no 1945. Agora somos uns 1.000. Teriamos que comezar de cero. Non é “deixar vivir”: hai que cumprir a lei, estar quietos cando é necesario, porque o mar ía agradecelo: a pesca, o marisqueo. Agora o que temos é un pobo case baleiro. Nós somos cinco irmáns e quedamos por aquí, e o traballo que hai é este: o mar. Aínda que sexa precario. E por suposto non defendo a precariedade. Mais temos que respectar o mar. (…)”