O xoves 26 de marzo, ás 12:00 horas, na Escola de Enxeñeiros Forestais de Pontevedra, Suso Lista presenta o seu libro Salseiros, publicado por Edicións Embora.
Arquivos da etiqueta: Salseiros
A Coruña: presentación de Salseiros, de Suso Lista
Coñécense os finalistas dos Premios da Edición 2014
Desde a Asociación Galega de Editores:
Os Premios da Edición naceron para poñer en valor o traballo do sector editorial galego ao longo dun ano. O que os diferencia do resto dos que se convocan no ámbito do libro é que premian a escolla da editorial, recoñecendo esa outra parte de autoría que aportan os editores cando elixen os libros que van editar. O sistema de votación consiste nunha primeira proposta de candidaturas, tres por editorial e categoría, realizada polas empresas que o desexen, e unha segunda na que os editores votan a dúas candidaturas de cada categoría, agás as propias.
O mércores 28 de xaneiro finalizou a fase de votacións e os libros, autores e proxectos finalistas pasarán agora a un xurado composto por un libreiro, unha bibliotecaria, un xornalista, un escritor e un editor, este último sen vinculación coas as empresas editoriais asociadas.
Xúntase a relación dos finalistas das nove categorías.
PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE FICCIÓN 2014
– Ícaro, de Federico Delicado, Kalandraka Editora.
– A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz. Edicións Xerais.
– Salseiros, de Suso Lista. Edicións Embora.
– Somnámbulos, de Suso de Toro. Edicións Xerais.
– Dende o conflito, de María Reimóndez. Edicións Xerais.
PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE POESÍA OU TEATRO NO ANO 2014
– Onde nunca é mañá, de Manuel Álvarez Torneiro, Kalandraka Editora.
– Anamnese, de Eli Rios. Sotelo Blanco Edicións.
– Dun lago escuro, de Marta Dacosta. Edicións Xerais.
– Atravesar o fantasma, de Carlos Callón. Edicións Xerais.
– Os privilexios dos sonámbulos, de Pablo Bouza. Alvarellos Editora.
PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE NON FICCIÓN ANO ANO 2014
– O soño galego de Julio Cortázar, de Francisco X. Fernández Naval. Ediciones Linteo.
– Galleira Passport. Crónicas viaxeiras do século XXI, de Luís Menéndez. Alvarellos Editora
– María Barbeito. Unha vida ao servizo da escola e dos escolares (1880-1970), de Ana Romero Masiá. Baía Edicións.
– Á procura da poesía, de Aurora López e Andrés Pociña. Alvarellos Editora.
PREMIO LOIS TOBÍO Á TRADUCIÓN NO ANO 2014
– Cidade de Cristal, de Xavier Queipo. El Patito Editorial
– Tratado Lóxico-Filolóxico, de Xoán Fuentes Castro. Toxosoutos.
– As floriñas de San Francisco, de Darío Xohán Cabana. Alvarellos Editora.
– Ofrenda á tormenta, de Ramón Nicolás. Edicións Xerais.
PREMIO ISAAC DÍAZ PARDO AO LIBRO ILUSTRADO DO ANO 2014
– Erik o construtor de soños, de Dani Padrón. Editorial Bululú.
– O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso. Nova Galicia Edicións.
– As floriñas de San Francisco, de Darío Xohán Cabana. Alvarellos Editora.
– Ovella descarreirada, de Óscar Villán. Edicións Xerais.
– O libro dos bicos, de Nuria Díaz. Edicións Embora.
– Leviatán, de Ramón Trigo. Kalandraka Editora.
– Feroz o lobo, de Leire Salabarria. OQO Editora.
– Elefante comellón, de Marc Taeger. Kalandraka Editora.
PREMIO NEIRA VILAS AO MELLOR LIBRO INFANTIL E XUVENIL DO ANO 2014
– Reo, de Xesús Fraga. Editorial Galaxia.
– A fuxida, de Berta Davila. Biblos
– O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso. Nova Galicia Edicións.
– Miña querida Sherezade, de Andrea Maceiras. Baía Edicións.
– A cociñeira do rei, de Soledad Felloza. OQO Editora.
– Non hai berce coma o colo, de Magoia Bodea e outros. Kalandraka Editora.
– Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas. Edicións Xerais.
– Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre. Edicións Xerais.
– Xique Xoque, Fiu Fiú, María Fumaça. Editorial Galaxia.
– Cuca e o abrigo marrón, Patricia Castelao. Edicións Rodeira.
PREMIO XOSEFA IGLESIAS VILARELLE AO MELLOR LIBRO EDUCATIVO DO ANO 2014
– Colección Emocións (9 títulos), de Mireia Canals/Sandra Aguilar. Baía Edicións.
– Historia da Literatura Galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento, de Xosé Ramón Pena. Edicións Xerais.
– Quen falta?, de Arianna Papini. Kalandraka Editora.
– Historia das mulleres galegas. Das marchas nómadas á Marcha Mundial das Mulleres. Baía Edicións.
PREMIO ROSALÍA DE CASTRO Á INICIATIVA EDITORIAL DO ANO 2014
– Serie audiovisual Cocorico. OQO Editora.
– Lemos, cantamos, gozamos… Semana da música infantil nas Feiras do Libro de Galicia. Editorial Galaxia.
– Colección Oeste (Divulgación e ensaio) cumpre 10 anos en 2015. Van publicados 18 volumes. En 2014 reactivouse a publicación con cinco títulos novos. Aposta polo xénero moi pouco comercial mais imprescindible, como é o caso do ensaio e a divulgación. Alvarellos Editora.
– Colección Rescate. Cumpre 10 anos en 2015. Van publicados 19 volumes. En 2014 publicáronse dous: O rescate (con máis de 80 poemas inéditos) do poeta Aurelio Aguirre e a biografía de máis de 700 p. de San Francisco de Emilia Pardo Bazán. Estes dous, en coedición co Consorcio de Santiago. En 2008 levara o premio Irmandade do Libro á Mellor Obra editorial do ano. Alvarellos Editora.
– Proxecto europeo Cociña de Contos. OQO Editora.
PREMIO XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ AO AUTOR/AUTORA OU COLECTIVO DE AUTORES EN LINGUA GALEGA NO 2014
– Begoña Caamaño, María Reimóndez e Xurxo Souto.
Suso Lista: “No mar habería que facer unha revolución, igual que na terra”
Entrevista de Montse Dopico a Suso Lista en Praza:
“- Praza (P): Contas nun dos relatos que escribes [Salseiros] o que che sae, sen pensar moito antes. Por iso esa frescura…
– Suso Lista (SL): É que non tiña ordenador na casa. Ía escribir, despois de traballar, ao local da Asociación de Veciños, e tiña moi pouco tempo antes de que pechasen. Ás veces ía xa no coche pensado un tema, pero nada máis. Non había planificación ningunha. As fotos servíanme de punto de partida, e escribía o que a foto me suxería.
– P: Creo que foi Manuel Lourenzo, que che daba aulas de teatro, outro dos de que te animaron a publicar…
– SL: El foi o primeiro, de feito. Xa antes de que eu tivese o blog. Eu ao principio o que escribía eran os contos que me contou miña avoa e cousas así. Manuel Lourenzo animábame moito, e así comecei a escribir máis cómodo. Sempre che gusta que a xente tan importante lle guste o que fas… Tamén Manolo Rivas: foi outro dos que me dicían que escribise… Aínda que eu non son nada vaidoso. Creo que o importante é que te divirta escribir, e eu paseino moi ben escribindo estes relatos. Se non te divirte, non ten sentido. Entendo que Suso de Toro decidise abandonar, por iso. (…)
– P: Cando se fala de mestura de realidade e ficción saen os tópicos: realismo máxico, Cunqueiro… Mais se cadra non é máis que a tradición de literatura oral, que é así.
– SL: Si, claro. É o tipo de historias que escoitabas. Ademais, eu non lera a Cunqueiro cando comecei a escribir. Despois lin As crónicas do Sochantre e quedei fascinado. Desde entón leo en galego sen problema. Como dicía antes, eu ao principio lía en castelán. De feito, comecei cando estaba embarcado como mariño mercante. Lía as novelas de vaqueiros de Estefanía. Despois xa comecei a ler outras cousas… Mais si, creo que á xente o que lle gusta, cando lle contan historias, é imaxinar. E eu tento escribir así, como se me estivesen contando a min unha historia. Despois, cada salseiro ten a súa gotiña…
– P: Nos relatos saen moitos temas relacionados contigo e con Corme. Como a túa loita pola pesca sustentable.
– SL: É un tema que sempre me preocupou, e máis cando fun patrón maior da confraría. É que no mar habería que facer unha revolución, igual que na terra. O mar é unha riqueza inmensa, e é incrible que a xente non poida vivir del e teña que marchar. Corme tivo case 5.000 habitantes no 1945. Agora somos uns 1.000. Teriamos que comezar de cero. Non é “deixar vivir”: hai que cumprir a lei, estar quietos cando é necesario, porque o mar ía agradecelo: a pesca, o marisqueo. Agora o que temos é un pobo case baleiro. Nós somos cinco irmáns e quedamos por aquí, e o traballo que hai é este: o mar. Aínda que sexa precario. E por suposto non defendo a precariedade. Mais temos que respectar o mar. (…)”
Arteixo: presentación de Salseiros, de Suso Lista
O venres 12 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do candil de Arteixo (Rúa Historiador Vedía, 3), preséntase a segunda edición de Salseiros, de Suso Lista, publicado en Edicións Embora. Ao finalizar o acto, o autor asinará exemplares do libro ás persoas que o desexaren.
A Pobra do Caramiñal: presentación de Salseiros, de Suso Lista
O xoves 11 de decembro, ás 20:00 horas, no Liceo Pobrense da Pobra do Caramiñal (Rúa da Paz, 27), preséntase Salseiros, de Suso Lista, publicado en Embora Edicións.
Lugo: Suso Lista será o protagonista da próxima Cata Literaria do MIHL
O xoves 13 de novembro a partir das 20:00 horas, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (Parque da Milagrosa), Suso Lista será o escritor protagonista da Cata Literaria, que presentará o seu libro Salseiros, publicado por Embora. Máis información, tamén sobre como adquirir as entradas, aquí.
Narón: presentación de Salseiros, de Suso Lista
A Coruña: presentación de Salseiros, de Suso Lista
O venres 17 de outubro, ás 20:00 horas, na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), preséntase a segunda edición de Salseiros, de Suso Lista, publicado en Edicións Embora. No acto, xunto ao autor, participan Gustavo Pernas e Miguel Toval.
Vigo: presentación de Salseiros, de Suso Lista
O venres 3 de outubro, ás 19:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), preséntase Salseiros, de Suso Lista, publicado en Edicións Embora. No acto, xunto ao autor, participan Xesús Constela e Miguel Toval.