Constitución do Grupo de Traballo de Literatura de Tradición Oral da AELG

AAELG Logo 2-2015 Sección de Literatura de Tradición Oral, cuxo coordinador é o vogal da AELG Antonio Reigosa, promoveu a creación dun Grupo de Traballo neste ámbito co obxectivo fundamental de favorecer, tanto individual como colectivamente, a visibilidade e o prestixio da oralidade como sistema de comunicación primordial da nosa cultura popular.

O Grupo está conformado polas seguintes persoas: Ana AcuñaFélix Castro VicenteIsidro NovoMaría do Carme Pernas BermúdezCalros SollaXurxo Souto e Antonio Reigosa, todas con longa experiencia e recoñecido prestixio nos campos da investigación, recreación e difusión da literatura de tradición oral e, en xeral, nos diferentes ámbitos da cultura popular tradicional galega.

O Grupo, logo de avaliar a traxectoria e actividades da Sección ao longo dos últimos anos, acordou dar continuidade aos proxectos PolafíasXornadas de Literatura de Tradición OralMestras e Mestres da Memoria.

En canto ás Polafías, organizaranse dúas en 2015: a primeira delas terá lugar o vindeiro sábado 21 de marzo, ás 17:30 h., en Tallo, Ponteceso, co lema Non deas a esquecemento: regueifeiras/os; e outra polafía que terá lugar ben na provincia de Ourense, ben na de Pontevedra.

Tocante á VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral -a celebrar en Lugo no próximo outono- o tema a tratar será o sexo e a escatoloxía na Literatura de Tradición Oral.

Tamén acordou reunir propostas para novas gravacións en vídeo de Mestres e Mestras da Memoria.

Así mesmo o Grupo resolveu integrar e promover novas actividades a nivel local (xornadas, relatorios, representacións…) similares ás que se viñeron desenvolvendo en Lugo nos anos pasados como o Obradoiro de Narración Oral, Letra das Festas, Recital de Coplas de Antroido…, considerando representada a Sección naquelas actividades onde participe, colabore, promova ou interveña calquera dos membros do Grupo de Traballo. Tamén elaborar un mínimo de dúas unidades didácticas durante o ano 2015 para impulsar o uso do arquivo videográfico e documental da Sección de Literatura de Tradición Oral da web da AELG, así como crear un blog específico da Sección de Literatura de Tradición Oral dentro da web da AELG, no que se anunciarán as diferentes actividades que se desenvolven polo país en relación á oralidade e cultura popular, así como publicar os artigos que se consideren.