Os privilexios dos somnámbulos (Alvarellos), de Pablo Bouza

EntrevistaPablo Bouza de Nacho Alonso a Pablo Bouza en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Poema tras poema Os privilexios dos somnámbulos mergúllanos na densidade da noite. Que mostra a noite ao poeta?
– Pablo Bouza (PB): Eu decote escribo polas noites, condicionado polo traballo e pola familia numerosa que teño. Na promoción de Os privilexios dos somnámbulos a editorial fala do aire viciado da noite e a verdade é que me agradou esa definición. Para min a noite está viciada de silencio e gusto del: do silencio na poesía e do silencio na noite.
A noite ten tamén ese compoñente escuro e de sombras, e o libro móvese nese sentido, sobre as sombras que todos temos, no significado máis rosaliano da palabra. (…)
– FL: Principia o poemario un apartado titulado A modo de limiar. Un exercicio de autopoesía onde se mostra transparente ao lector, onde os versos foxen da metáfora.
– PB: Os poemas recollidos nese apartado escribinos moito antes do que é o corpus principal do libro. É verdade que poderían estar noutro lado pero eu quixen introducilos aquí a mantenta porque é poesía moi existencialista: o poeta enfrontándose consigo mesmo. Apetecíame emprazalos nese apartado porque son unha especie de presentación, de limiar do que será o resto do libro, que dan unha visión de min como poeta, tal e como se fose unha poesía da experiencia. Para min a poesía é verdade, e eses son poemas moi sinceros.
– FL: As trabadas do pasado perduran coma unha áncora fendida nas rochas. Ao igual que en traballos anteriores, rescata o acontecido tanto a través da poesía como da memoria, lembranzas que mancan, que se mostran como ese gume frío que nos fere.
– PB: A memoria está presente en todos os meus libros. En Ingrávido signo creo que toma un protagonismo moi especial polo que significa: cando perdes a teu pai parece que un dos piares da túa persoa racha. Decátaste de que ti vas ser o próximo.
A miña certeza é a miña memoria. En todos os meus libros falo da memoria, de conservala. Interésame a memoria pero vivíndoa dende o propio presente.
– FL: Poesía contra o esquecemento. Velaí un acto de valentía, certamente.
– PB: Os tiros van por aí. Interésame e estimúlame moito a memoria de lembrar aos seres queridos que xa non están, pero tamén as paisaxes perdidas. Eu son de Fene, pero meu pai é da Capela, un concello que está preto de As Pontes. Canda neno íamos moitas veces, pero logo pasaron moitos anos sen volver. Cando regresei a ese lugar, e sentín de socate o cheiro da herba recen segada, os silos, o olor das vacas… Tiven un sentimento de pertenza a ese lugar. Iso é memoria.
Con ese exemplo intento explicarche o que é para min a memoria: a sensación de pertenza dentro da miña biografía, dos meus devanceiros, a estar nun sitio, ou en varios sitios, como é o meu caso. (…)”