Luís Valle: “En poesía tan importante como crear é destruír”

EntrevistaLuís Valle de Carme Vidal a Luís Valle en Sermos Galiza:
“(…) Este domingo día 12 de abril presenta As cicatrices do Sol en Fornelos de Montes. Será no acto no que o poeta Luís Valle reciba o Premio Lueiro Rey de Poesía nun acto que contará coas acteriores gañadoras Eli Ríos e Silvia Penas, os críticos Ramón Nicolás, biógrafo de Lueiro Rey, e Armando Requeixo, representante do xurado, ademais do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero.
– Sermos Galiza (SG): Como recibe as críticas que falan, maiormente, da excelencia da súa obra e da singularidade da súa voz poética?
– Luís Valle (LV): A verdade é que non me recoñezo nelas. Supoño que o traballo, a dedicación, o agarimo e a paixón que lle pos á actividade que elixes na vida ten que dar resultados. No meu caso decidín hai vinte anos escribir poesía e poñerlle todo o meu empeño. Cando algo forma parte da túa vida de xeito tan íntimo acábase notando. Ao meu ver a clave está aí, a xente que vive intensamente a literatura valora que outra persoa se empeñe e procure facer as cousas do mellor xeito. Escribir poesía ten moito a ver co traballo e a emoción. Precísase técnica e esforzo, pulir e tentar chegar ao poema en cada ocasión, que non sobren versos, que non sobren palabras, que o son, a imaxe e o contido intelectual se axusten.
– SG: Mais no feito creativo hai algo máis que traballo, é dicir, non todo o mundo que o intenta o consigue.
– LV: Existen moitos discursos sobre o que é o talento e o xenio mais no meu caso non me valoro como escritor talentoso nin, desde logo, xenial. O que son é poeta vocacional, son e síntome poeta as vintecatro horas ao día e ao final o traballo acaba tendo valor literario, acaba sendo poesía. Compre ser autocrítico e merece a pena ler, reler e analizar a propia obra. Normalmente antes de dar ao prelo un libro paso bastante tempo con el, con momentos en que vexo inconsistencias, nos que non me recoñezo e preciso volver a pensar. No traballo poético tan importante como crear é destruír, ser quen de liberarte e esquecer o tempo. Desexo deixar unha obra poética, nada transcendente, mais a miña, cun camiño poético propio. (…)”