Entrevista a Gonzalo Hermo na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): De que parte da tradición escrita galega considera que bebe máis?
– Gonzalo Hermo (GH): Aínda que non se comentou moito nas críticas que se fixeron do libro, hai moita influencia de Cunqueiro. Escribino despois de ler a Cunqueiro con detemento, moi profundamente. [A crítica] Chus Nogueira si comentou que é un libro bastante cunqueiriano, e tamén eu vexo ese peso forte, esa tradición da poesía que representa Cunqueiro, que é vangardista pero ao mesmo tempo ten tamén unha atención ás formas clásicas. (…)
– RAG: O premio que vén de recibir concédese a autores menores de 31 anos. Cando empezou a escribir Celebración? É froito de distintos momentos vitais ou escribiuno dunha sentada?
– GH: Hai certas obsesións que teñen que ver co cambio, coa mudanza, coa idea de avanzar, coa memoria e o esquecemento que estiveron na miña cabeza durante case un ano. Pero cando sentei a escribir o proceso foi bastante rápido. (…)
– RAG: Alén do que significa para a súa carreira, o premio que vén de recibir é tamén unha boa nova para as letras nunha lingua minorizada. Como o valora neste sentido?
– GH: Encantaríame que fose unha canle para que se descubra o que fai a xente nova, e a xente en xeral, porque moitas veces fóra de Galicia non se coñece a poesía en galego. Autores que ao mellor para nós son canónicos fóra de Galicia non teñen ningún tipo de repercusión, porque non son traducidos, empezando por aí. Gustaríame tamén que dentro do Estado se aprendese a poesía que se fai nas linguas que non son o castelán, en galego, catalán e vasco. Falo por min propio, que tamén teño certo descoñecemento do que se fai nesas realidades; na catalá menos, pero tamén. Sería fantástico que isto servise para abrir ese cancelo que parece pechado. (…)”