Desde a Real Academia Galega:
“O xurado, formado polo presidente do PEN Club Galicia, Luís González Tosar, pola académica Fina Casalderrey e por Inma López Silva, Manuel Guede, Armando Requeixo, Luís Menéndez, Bieito Iglesias e Xabier Castro Martínez, acordou por unanimidade conceder o Premio Voz de Liberdade 2015 a Arcadio López-Casanova en recoñecemento á súa “fidelidade á lingua galega ao longo de máis de cinco décadas” e ao “seu permanente compromiso coa liberdade de expresión”.
“Estou moi agradecido, porque é un premio do PEN Club Galicia, unha institución decisiva para a difusión e a universalización da nosa cultura”, expresa o galardoado, que ingresou na Real Academia Galega como membro de honra no ano 2013 cun discurso sobre a modernidade poética de Rosalía de Castro. “Entendo que é un recoñecemento a unha actitude en defensa do país, en defensa da nosa identidade, da nosa lingua, algo que desde mozo intentei facer coa miña obra”, engade o académico, que recollerá o premio o vindeiro 25 de novembro nun acto que se celebrará no Consello da Cultura Galega. (…)
A súa propia evolución poderá apreciarse de novo na antoloxía que está a piques de publicar, A palabra compartida, na que recolle poemas “que son retratos e homenaxes” escritos ao longo de medio século de vida, desde 1963 ata 2013. “Van desde Rosalía ata os amigos máis novos que teño, pasando polos grandes mestres da galeguidade e doutros poetas nosos que sempre tiven como compañeiros de lectura”, detalla.
Non é a única novidade editorial do creador e ensaísta lugués. Tamén en breve publicarase unha obra de teatro infantil e un cancioneiriño que escribiu nos primeiros anos 70. “A obra de teatro tíñaa esquecida. Atopeina remexendo en carpetas vellas. Emocionoume moito atopala, podela refacer e que saia agora na editorial Ir Indo. E co cancioneiriño pasou o mesmo. Refixen os dous textos, amplieinos un pouquiño e van saír en pouco tempo”, conclúe.”