Entrevista de César Lorenzo Gil a Cesáreo Sánchez Iglesias en BiosBardia:
“Hai un mes, a Asociación de Escritoras e Escritores Galegos (AELG) celebrou en Pontevedra o seu VI Congreso. Nesta entrevista, o seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias (Dadín (O Irixo), 1951), repasa as principais conclusións deste encontro. Iglesias leva na presidencia ao redor de nove anos. Neste tempo, a asociación pasou de contar con 240 socios aos 430 actuais.
– BiosBardia (B): Nótase o peso dos anos de presidencia ou aínda segue con folgos?
– Cesáreo Sánchez Iglesias (CS): Estou ilusionado e con moitos ánimos, moi a gusto.
– B: De que cousas se gaba vostede logo deste tempo?
– CS: Hai varias. Coido que pouco e pouco conseguimos deseñar no concreto aspectos centrais no noso ideal histórico do que debe ser a AELG. Seguimos a ser vangarda na investigación sobre literatura e lingua galegas e mantemos o pulo social. Outras cousas bonitas son o aumento de socias e socios e a madurez da nosa web, que nos últimos nove anos recibiu 20,5 millóns de visitas.
– B: É unha cifra moi relevante para un espazo en galego. De onde coida que vén ese éxito?
– CS: É unha web moi activa, chea de noticias, con contidos novos a cada pouco e con moitos recursos sobre literatura galega que se poden utilizar en diversas áreas, especialmente no ensino.
– B: Gustaríame esfollatar con vostede as diversas conclusións do VI Congreso da AELG. Empecemos polo peto: en Pontevedra falouse da necesidade de atender a defensa do pagamento dos dereitos do autor e fortalecer a profesionalización do oficio.
– CS: Pensamos que é moi importante consolidar a idea de que a escrita é un labor profesional. Aínda que a maioría da xente non poida vivir desta actividade, si é un traballo profesional e como tal debe ser tratado. Hai aspectos que se deben solucionar, por exemplo, que para unha festa haxa orzamento previsto para lles pagar ás orquestras e non, en cambio, para a persoa que escribe e logo le o pregón. Por que unha cousa se considera actividade profesional relacionada coa cultura e a outra non? Pensamos que todos os actores que participan na industria cultural deben ter en conta o peso dos creadores. Tarifar o seu traballo é moitas veces dignificalo. Iso non quita que cadaquén poida participar na sociedade, nos medios de comunicación ou en diversas iniciativas culturais do xeito que mellor lle pareza porque estamos en Galicia e sabemos que a nosa estrutura cultural ten moitas limitacións, por suposto tamén económicas.
A profesionalización, ademais, ten como vantaxe a visibilización social dos autores. Os premios literarios, por exemplo, favorecen moito iso. Coido persoalmente que a figura do escritor debe manter unha relevancia social que sempre tivo. Eu recordo estar con Manuel María na Terra Cha e notaba que cara a el había un recoñecemento popular como poeta. Ser poeta non era calquera cousa. Sería conveniente que con fondos públicos se favorecese esoutro papel do autor como formador e favorecedor da cultura, a través de cursos, conferencias, encontros cos lectores…
– B: Nunha entrevista neste mesmo espazo, o escritor e xornalista Jaureguizar puña en cuestión a utilidade da AELG para mellorar as condicións dos autores.
– CS: Historicamente o noso compromiso coa defensa dos dereitos de autor e a mediación entre escritores e editores en caso de conflito foi o meirande posible. Moitas veces con discreción, xa que os casos así o requirían. Desde hai tres anos, xunto coas outras asociacións irmás do Estado asinamos un acordo coa patronal da edición para formalizar un contrato tipo para os autores que garantise os seus dereitos dun xeito diáfano. O problema económico da escrita enfróntase aos mesmos dilemas que o resto da industria cultural, moi debilitada nos últimos tempos. Desapareceron moitos proxectos e nótase unha mingua nas posibilidades de intervir, iso xunto con outros factores inflúe sobre o que se percibe pola escrita.
– B: As conclusións expresan literalmente a necesidade de favorecer unha Axencia Literaria Galega. Hai xa algún proxecto fermentando?
– CS: Non. Houbo noutrora unha axencia que desapareceu, principalmente por falta de apoio institucional para que puidese arrancar. Igual que sucede con outras moitas pequenas ou medianas empresas, unha iniciativa deste tipo necesitaría apoio público na primeira etapa, para poder conseguir os seus obxectivos dunha maneira sustentable. Por dar un exemplo, se para promover a literatura galega hai que viaxar ás feiras mundiais de libros sería bo que houbese diñeiro público para apoiar esa presenza internacional.
– B: Entendo polo que me di que o obxectivo primeiro desa axencia sería a exportación da literatura galega.
– CS: Claro. A día de hoxe vemos que os contactos con editoriais de fóra se están a dar principalmente por un empeño persoal. É dicir, o autor en persoa consegue a canle, a atención e posteriormente a tradución. É un traballo moi complicado e non accesible a todos os autores. En troques, vemos que esa tarefa, cando se vehiculiza a través dunha axencia, dá máis e mellores resultados. Profesionalízanse os froitos: non só a publicación noutros espazos senón tamén a publicación de entrevistas en medios de fóra, presentacións…
– B: Se xa houbo un intento e fracasou, agora podería pasar o mesmo.
– CS: De aí a necesidade de apoio público. O investimento público en Cultura sempre reverte na sociedade, crea un tecido máis rico. A cultura debe conseguir camiñar cos seus propios pés pero para iso hai que tela en conta e axudala a medrar. A cultura non está subvencionada, subvencionados están os coches. En Catalunya, a Cultura como industria representa o 5% do seu PIB. En Galicia, o 2%. Sería conveniente que aumentase.
– B: O punto central do congreso foi a tradición oral. Nas conclusións pídese que a RAG honre a oralidade nun futuro Día das Letras.
– CS: Non hai lingua ou tradición literaria que subsista sen dúas cousas relacionadas con este tema: acceso e prestixio da súa tradición oral, en todas as facetas e unha lingua viva, actual, rica, que sirva como magma para a creación literaria do noso tempo.
– B: A transmisión oral do idioma, nos tempos de hoxe, é complexa. Xa non só se basea nos contos ou no contacto boca-orella. Sería lóxico que houbese un gran protagonismo para a expresión oral nos medios de masas, en especial a TV. Mais dá a sensación de que en Galicia o galego da televisión é pouco diverso, tanto nos programas de actualidade como no humor ou na ficción. Por un lado vese un desleixo pola lingua (ao estilo Land Rober, para entendérmonos) e certas prevencións en permitir que a lingua viva entre na CRTVG. Por exemplo, desde os tempos de Mareas vivas non se volveu oír nin gheada nin seseo nunha serie.
– CS: Ese debate e esas opinións estiveron moi presentes no congreso. En efecto, hai unha alta sensibilidade dos axentes culturais sobre as potencias da linguaxe televisiva e o seu pouco aproveitamento a día de hoxe. Mais o sector audiovisual está moi concentrado e quizais hai pouca marxe de manobra na situación actual. Nesa difusión da oralidade, eu, por ser do tempo que son, coido que é na radio onde se podería facer moito máis do que se fai. A radio é un medio moi democrático, de grande impacto, ao que moita xente pode chegar. E penso que está infrautilizado como medio de visibilización da riqueza do galego oral.
– B: Un dos grupos de traballo do VI Congreso está atento ao novo xeito de edición. O galego como responde ao suposto cambio de paradigma?
– CS: Moi ben. En primeira liña. Cada ano van aparecendo cousas a nivel mundial e vemos que a lingua galega está aí. Os autores novos propoñen modos de crear na vangarda. A Rede ten multitude de portas para a expresión. Un dos premios da AELG valora os blogs. Pois ben, quizais de aquí a pouco teñamos que ampliar a nominación para atender os diferentes aspectos que a comunicación dixital está a pór en marcha.
– B: Chama a atención que o teatro en galego ocupase un tempo específico no encontro. Por que necesitou eses “coidados”?
– CS: O teatro ten en efecto necesidades propias que deben ser tratadas dun xeito autónomo. A AELG ten unha sección dedicada á dramaturxia e desta volta quixemos expresar os anceios e denuncias do sector. A dramaturxia debe ser tida en conta como o elo principal da cadea. Está moi ben que o teatro aposte pola tradución de textos foráneos, é o mellor xeito de normalizar o sector en Galicia pero hai que ofrecerlles tamén unha saída aos autores nosos. Consideramos que sería óptimo que tanto o Goberno coma as universidades atendesen á demanda de cinxir a expresión teatral á propia formación docente e de aí ao aumento do teatro nos centros de ensino. Ademais, deberían promoverse medidas de discriminación positiva, por exemplo, vincular as axudas á produción teatral á presenza de textos galegos nos repertorios.
– B: Unha das escritas que si reciben unha atención maior no ensino son aquelas colocadas baixo a etiqueta de Literatura Infantil e Xuvenil. Noutrora dicíase incluso que cultivar esa literatura era a única vía de poder “vivir” do oficio. Iso acabou?
– CS: Acaba porque hai unha política cultural contraria á presenza do galego no ensino. Galicia é a única nacionalidade histórica do Estado que non conta cunha consellaría de Cultura. Arestora está nun segundo plano, obrigada a partir orzamento e peso político específico con outro departamento. Se a iso lle sumamos o Decreto do Plurilingüismo, que abafa o estudo da nosa lingua, o resultado é unha diminución da influencia da nosa cultura, e polo tanto tamén da nosa literatura, dos nosos libros, entre os estudantes. Pensemos que nas cidades só o 7% das crianzas recibe ensino en galego. E a pesar diso, a literatura infantil e xuvenil que se fai en Galicia é literatura con maiúsculas.
– B: O Premio “Nacional” para Ledicia Costas nese sentido foi un reforzo.
– CS: Por suposto. Foi un premio ilusionante e unha grande alegría. Pensemos que é a primeira vez que este galardón vai para unha autora tan nova.
– B: Gonzalo Hermo tamén é un poeta novo.
– CS: O seu Premio Nacional de feito galardoa figuras emerxentes. No caso de Hermo, o recoñecemento confirma o que se di desde fóra de Galicia en moitas ocasións, que a poesía galega é a mellor que se fai no Estado actualmente, que é realmente un exitoso laboratorio de ideas e linguaxes.
– B: Xa por rematar coas conclusións do congreso de Pontevedra, gustaríame preguntarlle por esta frase: “Reclamamos a necesaria tolerancia ortográfica, sen discriminacións da lusografía e con maior democracia na convocatoria de premios”. Como se calibra a democracia normativa. Onde hai que ir votar?
– CS: O que quere dicir esa declaración é que na actualidade os autores que se expresan cunha normativa reintegrada ven limitada a súa capacidade de publicación e de difusión porque en moitas bases de premios literarios hai unha prevención sobre a normativa na que deben presentarse os textos.
– B: Publicar na norma lusista está vetado?
– CS: En xeral hai un escenario de limitación á presenza da Lusofonía en Galicia. Por exemplo, o investimento público en Extremadura para que se coñeza o portugués é infinitamente maior ca o galego. Non se pode ver a televisión portuguesa nin comprar libros portugueses nin coñecer a literatura do resto da Lusofonía ou os seus medios de comunicación. O veto aos premios para textos en normativa lusógrafa dana a democracia da literatura.
– B: Mais se existe unha normativa de consenso, aprobada no 2002, é dicir, só hai 13 anos, non sería un pouco caótico, por exemplo para o ensino, que o próximo Premio Xerais estivese escrito nunha normativa diferente á que os profesores ensinan e os alumnos aprenden?
– CS: Pero eu non estou a falar de casos onde en efecto poida haber conflitos deste tipo. Falo de que por exemplo, nas bases dun premio de poesía que convoca un Concello, onde se galardoa unha expresión persoal e non hai ningún condicionante sobre a recepción do libro que o xustifique, non se poida presentar unha obra na normativa reintegracionista.
– B: Pregúntollo a título persoal: Vostede considera que hai que cambiar a normativa do galego?
– CS: Rachar aquel consenso non pero hai que ter en conta varios aspectos. Que a normativa debe ser dinámica. Nunca se pecha, non acabou o percorrido da ideoloxía que considera que o galego debe reintegrarse ao seu espazo lingüístico natural. Ese camiño, que por suposto é gradual, non se resolve cun cambio gráfico só pero quizais hai que ir dando pequenos pasiños, determinadas mudanzas que eviten o camiño contrario: a crecente españolización non só da sociedade galega senón da propia expresión galega. O galego que se fala e que se escribe está cada vez máis españolizado porque a propia expresión galega é cada vez menor. Pensemos, por exemplo, na proporción que había no 1990 entre canles televisivas en galego e en castelán e que hai agora.
– B: E iso pode mudar se nas bases dos premios de Poesía se permite premiar libros en normativa reintegracionista?
– CS: Ese é só un detalle simbólico que nace da propia idea da literatura, do papel dos escritores como vangarda da sociedade, como campo de probas onde se inventa, se innova sobre a linguaxe e a expresión. Se me preguntas que outras cousas se poden facer a nivel social, pois seguro que as hai máis importantes: un maior contacto coa cultura da Lusofonía, un maior respecto mutuo, máis lecturas cruzadas. Tender pontes co Brasil, con Moçambique, Angola… Estender o discurso da Galeguía: que o portugués non é raíz, que antes foi todo galego. O importante é poder ofrecer unha defensa igual de poderosa que a españolización que o asolaga todo.
– B: Vostede é un dos referentes da poesía actual. Na súa traxectoria chama a atención que diante dun sistema baseado nas xeracións ou nas décadas que se foron superpoñendo unhas sobre as outras como estratos, os seus intereses, temas e estilos parecen que percorren en vertical todos os tempos.
– CS: Quixen reivindicar a miña individualidade contactando coas outras voces, tanto as anteriores como, principalmente as novas. Eu aprendo moito das novas xeracións. Fun aprendendo, vaia, de todas elas. Porque penso que esa é a maneira de non perder de vista a realidade. Se non estamos atentos ao novo que vai pasando, corremos o risco de acabar sendo a persoa que fomos. E a verdade é que a poesía galega nova é unha marabilla. Eu fíxenme adulto nun tempo no que decontado entrabas na vida laboral e podías atopar con relativa facilidade un traballo estable: había moitas vacantes, necesitábanse moitas cousas: profesores, funcionarios… Pero agora a xente ten moi difícil gañar a vida e sexamos francos: para asentar un discurso literario propio cómpre ter tempo. Tempo para escribir e tempo para ler e formarse, para aprender. Incluso para manter o activismo social é necesario ter unha fonte de ingresos que nos dea seguridade. Pois aí ves a xente moza, que a pesar de telo tan difícil, a pesar de que se reduciron as vías de expresión poética convencionais, seguen a insistir, a aproveitar cada posibilidade para seguiren creando.
– B: Fáleme das súas creacións actuais. O seu último libro publicado é Caderno do Nilo (Xerais, 2013).
– CS: Está pronto para a publicación Tempo transfigurado, que vai na liña de Variacións Nube (Edicións A Nosa Terra, 2004), é dicir, hai unha presenza moi importante da música na expresión poética. E ademais, levo moito tempo a traballar noutro libro ao redor da viaxe que fixen ao Vietnam, cunha estrutura semellante ao do Nilo. Até pode que repita o título e lle chame Caderno do Mekong. O Vietnam, alén de ser un país belísimo, para a miña xeración ten moitas connotacións por causa da guerra contra os EUA. Todo iso quero que estea nesa obra. A viaxe é moi importante na concepción da miña poética. Este ano por fin rematei a Ruta da Seda, incluída Siria, de tan tráxica actualidade. Quero dedicarlle moito tempo e traballo a un texto ao redor desa experiencia, desa xeografía.”