Gonzalo Hermo: “Queda demostrado que escribindo en galego se pode chegar moi alto”

EntrevistaGonzalo Hermo a Gonzalo Hermo en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Dous libros publicados en solitario e tres premios, cada un de maior nivel. Semella complicado manter esta traxectoria…
– Gonzalo Hermo (GH): A importancia que teñen os premios, que agradezo enormemente, tento relativizala á hora de escribir. Un poeta pode ser moi bo e non chegar a recibir premio algún. O propósito é seguir escribindo libros e tratar de que cada un sexa un pouco mellor que o anterior. Si que parto da base de que o próximo non terá o mesmo éxito que este, que foi impensable.
– LVG: ¿Cal pensa que é o segredo do éxito de Celebración?
– GH: Penso que foi a coincidencia da súa publicación nun tempo de crise, convulso. Aínda que non é un libro amable, si tenta dar esperanza. Quizais foi tomado como algo ao que agarrarse.
– LVG: Pero estaba convencido de que un libro en galego tiña poucas posibilidades de facerse co premio.
– GH: Si, pero queda demostrado que escribindo poesía en galego se poder chegar moi alto. Escoller a lingua en función de intereses ou da posible repercusión non é boa idea.
– LVG: ¿O premio ten entón un valor engadido?
– GH: É certo, pero a poesía en galego que se fai actualmente ten unha calidade moi alta. Non me estraña que haxa poetas galegos que logren premios a nivel estatal. Fun eu, pero puido ser calquera outro.
– LVG: ¿Hai tamén reivindicación a prol do galego na súa obra?
– GH: Esa reivindicación está no propio feito de escribir en galego, de non renunciar á lingua nai. Aínda que para min non é un sacrificio, é a lingua na que mellor escribo. Se este premio vale a nivel de concienciación lingüística estarei máis satisfeito aínda. O galego serve para comunicarnos, para escribir, para impartir xustiza… para todo.”