Eduardo Estévez: “Non me interesa dar imaxe de escritor sufrinte que iso tamén é, á fin e ao cabo, outro tópico”

EntrevistaEduardo Estévez de Montse Dopico a Eduardo Estévez en Praza:
“(…) – Praza (P): entrar na casa é froito dun encontro co fotógrafo Ignacio Castro. Como foi?
– Eduardo Estévez (EE): Ignacio Castro leu o meu libro construcións e viu que había unha relación entre a súa e a miña forma de mirar. Levo tempo dándolle voltas ao tema de mirar dunha maneira diferente. Interésame moito a literatura militante, que a verdade é que envexo, pero a min non me sae. Pois a maneira que atopei de facer algo semellante foi esa: tentar mirar as cousas desde outra perspectiva. Non para levar a mirada dos demais á miña, senón co obxectivo de que o lector se decate de que hai outras formas de mirar. En construcións facía iso mirando aos pequenos detalles. Porque mirar o detalle pode ser outro xeito de ver o total, o xeral.
Pois Ignacio Castro envioume unha ligazón para que puidese ver as súas fotos. Intercambiamos varios correos e unha vez e díxenlle que un día podiamos facer algo xuntos. Nunha semana respondeu: facemos? E así foi. Establecemos un diálogo do que o libro é resultado. Non é un libro de poemas con fotos nin un libro de fotos glosadas con textos. Eu escribín textos a partir de fotos, el fixo fotos a partir de textos… e os dous intervimos no que facía o outro. El orientaba os meus textos e eu as súas fotos. (…)
– P: Por que a idea da construción sae tanto na túa obra, entón?
– EE: Eu penso moito en como fago o que fago. Interésame moito o proceso, a construción. E tamén a construción que cada un fai de si mesmo. Interésanme os procesos máis que os resultados. Desfruto moito co proceso de construción dos libros. Agora estou co proxeto de baleas, que creo que é un dos mellores libros que escribín. É un work-in-progress que fun publicando en internet, con todas as versións de todos os poemas. Se cadra o publico tamén en papel. (…)
– P: lúa gris ten algunha conexión con en construción: a casa, as pegadas, a ausencia… Que relación teñen? Ou a idea de lúa gris era máis ben outra?
– EE: lúa gris é o máis parecido a un libro autobiográfico. Naceu dun soño no que aparecía a casa da miña infancia pero derruída. Afortunadamente a casa segue en pé, pero a imaxe serviume de escusa para facer o libro sobre a infancia e a adolescencia. Tanto ten se o que se conta ten un correlato biográfico estrito ou non. Mirado con ollos xornalísticos hai poemas que falan de cousas que aconteceron e outros que son construcións imaxinarias. E mesmo os que falan de cousas que aconteceron son tamén construcións imaxinarias, claro… (…)”