Antía Otero e Dores Tembrás: “Apiario quere darlle á palabra o soporte que merece”

EntrevistaDores e Antía de César Lorenzo Gil a Antía Otero e Dores Tembrás en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que ocos quere cubrir o traballo editorial de Apiario no panorama editorial? Fálenlles aos lectores: que van atopar que non teñan xa ao seu alcance nas librarías?
– Dores Tembrás (DT): Apiario quere facerse oco entre as editoras que coidan moito a factura dos seus libros. Para iso cada proxecto require comezar de cero. Cada libro ten as súas esixencias e particularidades. Tentamos detectalas e buscar o máis adecuado: materiais, deseñador, imprenta, encadernadores… O que van atopar os nosos lectores son libros cun bon acabado e boa literatura. Non importa a colección, a palabra ten un peso fundamental e ao redor dela traballamos como editoras.
– Antía Otero (AO): Tratamos de facer libros onde se poña en valor o traballo que hai detrás. A idea é crear obxectos con acabado, claro, pero que non por iso sexan inaccesibles para os e as lectoras. Queremos acompañar a palabra. Darlle o soporte que se merece. E que o e a lectora cando o ten na man intúa iso. Ao mesmo tempo nós imprimimos en Galiza e iso ten un incremento no produto final. Estamos na imprenta cando arrinca a máquina, falamos coa persoa maquinista, revisamos os ferros. Nada se deixa en mans de persoas coas que non podes dialogar. Cada título que editamos, aínda que comparta colección co seguinte número, non ten nada que ver el a nivel arquitectónico. Cada libro é único en contido pero tamén en deseño. Pasamos meses creando un proxecto. Editamos pouco a pouco… pero editamos como queremos editar.
– B: Que tipo de editoras son? Das que consideran o máis importante o olfacto para captar unha obra literaria de calidade ou das que pensan que todo proxecto de libro é coma un diamante en bruto e que a achega da edición é o puído, neste caso o traballo sobre o texto para melloralo?
– AO: Non existe unha regra de ouro, ou polo menos nós polo momento non a atopamos. Tennos chegado algún proxecto que nos parecía delicioso pero que non podiamos abarcar, outros que coxeaban na base e outros que en canto os tes na man sabes que che interesan e te atravesan como lectora, polo que podes defendelos até o final como editora. Imos tratando de facer unha liña editorial baseada na intuición como lectoras e tamén no que obxectivamente pensamos que pode ofrecer de novo ou distinto. Na colección de infantil gústanos traballar con autoras e autores que, na súa traxectoria, non abordasen acotío esta modalidade. María Lado, por exemplo, nunca escribira un libro de infantil directamente, pero nós intuïamos que, polas características da súa escrita, podía facelo dun xeito brillante. O mesmo ocorre coa autora que asinará o próximo álbum ilustrado que sairá do prelo a finais de novembro. Pero, sobre todo, o que tentamos facer sempre é responderlle ao ou á autora se o proxecto vai cara a adiante ou non, no menor prazo de tempo que nos sexa posible. Escribir implica para nós o máximo respecto.
– DT: Quero pensar que non é unha cuestión tan dual como preguntas, ou que cando menos está chea de matices. O olfacto é importante porque unha editorial defínese por un catálago e por unha liña de lectura. Traballamos con isto. E tamén somos editoras que non escatiman en comentarios cos orixinais das e dos seus autores. Pero respectando profundamente o traballo que nos achegan… Nada de lenzos en branco: se nos interesa o traballo adiante, e si, faremos as observacións que nos parezan oportunas, pero son cuestión de detalle, nada de modificar o groso do texto. Se este último é o caso o máis probable é que o traballo non encaixe na editora. (…)
– B: Como están a valorar tanto os docentes coma o alumnado o seu modelo de formación literaria?
– DT: Antía e mais eu levamos anos dando cursos de escrita creativa en centros de ensino e para institucións públicas e privadas. Adoitamos pasar uns impresos de avaliación despois das sesións de traballo que temos moi en conta nos nosos proxectos e que ás veces os propios centros ou as entidades contratantes fan públicos. Se Apiario está funcionando débese en boa medida a todas esas persoas que confían no noso traballo un ano tras outro. Esa é a mellor avaliación. O que hai nos nosos cursos son vías alternativas ou poco habituais/ortodoxas de acceso á literatura. Temos moi en conta a interdisciplinaridade, as novas linguaxes, o audiovisual, videopoema, grafiti, como ferramentas que nos permiten achegar o traballo coa palabra.
– AO: Cada vez son máis as entidades relacionadas coa pedagoxía que nos demandan cursos de formación para profesorado. Este é un campo moi estimulante porque podes poñer enriba da mesa os problemas que existen, as dificultades e as propostas para abarcar esta cuestión. (…)”