Cuestionario Proust: Ricardo Carvalho Calero

DesdeRicardo Carvalho Calero o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Ricardo Carvalho Calero, que reproduce a entrevista contida en Oficio de escribir (Edicións do Castro, 1990), co permiso do seu autor, Luís Rei Núñez:

“– Principal trazo do seu carácter?
– Non sei. Para min é un misterio que me interesa menos que o que representan outras persoas.
– ¿A cualidade que prefire nun home?
– A humanidade varonil.
– ¿A cualidade que prefire nunha muller?
– A humanidade, matizada de feminidade.
– ¿O que máis aprecia nos seus amigos?
– O que máis aprecio no home mesmo, no home en xeral.
– ¿O seu principal defecto?
– A espontaneidade, que me impediría ser un bo político.
– ¿A súa ocupación favorita?
– Dubido entre dicerlle que a observación da realidade humana na vida mesma ou a expresión desa realidade na obra artística.
– ¿O soño de ventura?
– Non teño ningún, porque sei que, como home, son esencialmente desventurado.
– ¿Cal sería a súa maior desgracia?
– Verme privado dalgúns seres humanos que no curso da miña vida me teñen axudado a vivir.
– ¿Que quixera ser?
– Considero inútil soñar con se-lo que non se é. Anque me encantaría ser creador musical, ou pintor, de non ser escritor.
– ¿En que país desexaría vivir?
– Hoxe, cando son cuase octoxenario, non teño que pensar en qué país me gustaría vivir, e para morrer é bo calquera país.
– ¿A color que prefire?
– Escollo o arco da vella.
– ¿A flor que prefire?
– Depende da tradición cultural. Na nosa, a rosa.
– ¿O paxaro que prefire?
– “O paxaro axul”, que é un símbolo da imaxinación.
– ¿Os seus autores favoritos en prosa?
– Os novelistas rusos. Non tanto Dostoievski -que é enfermizo, anque xenial, e escribiu folletóns sublimados- como Tolstoi, cunha visión da vida que me parece máis san. Tamén admiro a Stendhal, a Balzac, a Dickens…
– ¿Os seus poetas preferidos?
– O que sinto máis preto de min é Rosalía, que me enche plenamente.
– ¿Os seus heroes de ficción?
– Don Xoán, que representa a dificilísima relación do home coa muller. E Don Quixote, que representa a dificilísima relación do home co ideal.
– ¿As súas heroínas favoritas de ficción?
– As grandes namoradas: Isolda. E sinto simpatía por Fortunata, a muller oprimida que ha de abrirse camiño como pode.
– ¿Os seus compositores preferidos?
– Citemos un Vivaldi, un Brahms e un Beethoven… e o finlandés Sibelius.
– ¿Os seus pintores predilectos?
– Certos primitivos flamencos e italianos, polo que hai neles de residuo dese hieratismo bizantino da concepción da vida. E admiro a Miguel Anxo, Tiziano, Rubens e Rembrandt.
– ¿Os seus heroes da vida real?
– Os que desempeñaron unha función de servir ós demais. Nese sentido, e paradoxalmente -porque eu miro a vida política con grandes reservas- o político, que sacrifica a súa vida privada pola comunidade. Gandhi, por exemplo. E outras figuras de rango relixioso ou militar, como o papa Xoán XXIII, ou o Mariscal Mannerheim, que tivo que resistir en Finlandia a invasión soviética.
– ¿As súas heroínas históricas?
– As mulleres que desempeñaron un gran papel histórico. Golda Meir, Indira Gandhi, mesmo Margaret Thatcher.
– ¿Os seus nomes favoritos?
– Eu non son esteticista, e sempre me pareceu de pouca consistencia ligarse a un nome.
– ¿Que detesta máis que nada?
– A retórica.
– ¿Que caracteres históricos desprecia máis?
– Eu non desprecio nada humano, e así como diría Terencio que “son home home e non xulgo alleo a min nada humano”, para as debilidades e as vilezas procuro te-la comprensión de quen sabe que pode incorrer nelas.
– ¿Que feito militar admirou máis?
– Admiro moitísimo a resistencia de Inglaterra a Hitler.
– ¿Que reforma admira máis?
– A reforma realizada polo cristianismo, se cadra máis nas conciencias que na realidade, ao soste-la igualdade sustancial dos homes. E todas aquelas que tenden a uni-la democracia co liberalismo.
– ¿Que dons naturais quixer ter?
– O das artes, en xeral.
– ¿Cómo lle gustaría morrer?
– Espere vostede a que resucite, e ó mellor coa miña experiencia de resucitado poida responder algo xuicioso.
– ¿Estado presente do seu espírito?
– Hoxe levo unha vida máis feliz que cando era aprendiz de home, porque os vellos son máis felices cós mozos, porque aprenden a ser infelices.
– ¿Feitos que lle inspiran máis indulxencia?
– Diría que os relacionados co amor entre o home e a muller, se non considerase que a miña indulxencia nese aspecto é tan grande que non considero que mereza indulxencia ningunha conducta que ligue a un home cunha muller, porque neso non hai nunca a culpabilidade que está implícita en toda indulxencia.
– ¿O seu lema?
– “Vivir coa maior autenticidade”, podería ser.”