Aurora Marco: “As mulleres actuais non partimos de cero. As que nos precederon deixaron a leira decruada”

EntrevistaAurora Marco de Montse Dopico a Aurora Marco en Praza:
“(…) – Praza (P): A lectura de Elas lembra algo que xa explicaron historiadoras como Carmen Pallares: as mulleres desempeñaron moi diversas profesións e oficios. Desde sempre. Non é só de agora. Non eran só nais e labregas.
– Aurora Marco (AM): Eu son debedora, para a etapa antiga, medieval e moderna, do traballo de Carmen Pallares, Ofelia Rey, Serrana Rial… e en cada biografía que escribo cito a procedencia da información. A min cabréame que me copien descaradamente sen citarme. Así, Elas comeza na antigüidade, e desde aí ata a idade moderna baséome moito no traballo de historiadoras. Xa a información sobre o XIX e XX é máis froito da miña perseverancia de anos, desde os 80. Mais é verdade o que dis: sempre houbo mulleres en todos os ámbitos. O que ocorre é que moitas veces só se presta atención ás aristócratas, nobres e fidalgas, porque están citadas nos testamentos, doazóns…
– P: Como di María Reimóndez moitas veces, se ademais non coñecemos ás que viñeron antes, é como se sempre tiveramos que estar xustificándonos. Como se fósemos as primeiras.
– AM: Así é. As mulleres actuais no partimos de cero, pois as que nos precederon deixaron a leira decruada e a semente botada para que poidamos recoller os froitos vizosos. Moitas desas mulleres non puideron recoller os seus froitos en vida. Foron discriminadas, sobre todo as que se dedicaron a actividades de tipo intelectual. Na prensa do XIX chamábanlles ratos de biblioteca, pedagogos con saias, bachilleras, necias e insufribles. A finais do século houbo debate sobre a educación das mulleres e algúns defendíana, pero a maioría criticábanas. (…)
– P: Subliñas moito o dato de que non só atendiches a mulleres das clases acomodadas.
– AM: É que non me interesaban só os perfís de “prestixio”, as biografías máis “espectaculares”. Tiña claro que ía pousar a ollada en mulleres de distinta extracción social que realizaran importantes achegas á sociedade. Son, normalmente, mulleres que deixaron un ronsel no seu radio de acción, entón aparecen na historia local, en monografías… Ou sei delas polas fontes orais.
– P: O libro vai acompañado de serigrafías. E as autoras que as fixeron non tiñan fotos das mulleres das que se falaba nel. Nin as biografías.
– AM: Só lles pasamos unha pequena listaxe. Captaron moi ben o espírito que lle quería dar á publicación: coñecer, recoñecer, facer xustiza a homenaxear as mulleres. A todas as mulleres que me foi posible, e son máis de 400. (…)”