A Asociación Galega de Editoras estará presente na vindeira edición do encontro bianual Galeusca que terá lugar na Aula Capitular do Centre del Carme, Valencia. Esta cita, que se celebrará o xoves e venres, días 16 e 17 de xuño, reunirá a editores vascos, cataláns, valenciáns e galegos entorno a cinco sesións de traballo nas que se abordarán distintos aspectos relacionados co mundo do libro e a lectura.
Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora, será o encargado de afondar nos casos de acertos e fracaso na colaboración entre editoriais. Pola súa banda, Francisco Castro, da Editorial Galaxia, falará sobre promoción da lectura na segunda e derradeira xornada. Completará a representación galega no Galeusca Xosé Ballesteros, Presidente da AGE. Xuntos redactarán e aprobarán as conclusións dunhas xornadas nas que tamén se abordarán outros temas como o préstamo dixital bibliotecario ou as entidades de xestión de dereitos.