Entrevista de Alberto Ramos a Alicia Fernández:
“(…) – Praza (P): Falamos dunha libraría e dunha editorial [Chan da Pólvora] que conforman un proxecto conxunto, pero que manteñen a autonomía. Como encaixan as pezas? Como organizan o traballo?
– Alicia Fernández (AF): Procuramos que o traballo sexa asembleario e idílico. Xuntámonos, falamos e consensuamos. Malia todo, queremos que os traballos sexan separados. No caso da editora, lévaa principalmente Antón Lopo. A libraría, pola contra, levámola Eduard e mais eu. Iso non quere dicir que haxa unha separación total definida. Estamos todos pendentes do traballo de cada unha das partes, propoñemos ideas dunha vertente a outra. Por exemplo, Antón tivo moito que ver co local e, loxicamente, Manolo moitísimo coa súa estética. Gonzalo Hermo, pola súa banda, propuxo que fose Antón Blanco o primeiro autor para publicar. Nós tamén participamos nas ideas editoriais, encargámonos de corrección… É dicir, procuramos conservar e diferenciar os traballos, pero implicámonos todos en todo. (…)
– P: Que teñen en mente á hora de crear unha programación?
– AF: Vimos de abrir hai nada e, realmente, non tivemos tempo material de idear a programación. Temos axendadas presentacións e actos, pero a verdade é que tamén se vai construíndo de forma espontánea. É dicir, Elías Portela escoitou falar de Chan da Pólvora, pasou un día por acó, quixo coñecer o local e pregunteille se quería recitar aquí. Pareceulle unha fantástica idea e organizouse axiña. Despois, no campo dos obradoiros gustaríanos desenvolver algún no verán. Non obstante, temos que sentar, pensar, decidir e programar. Cando comece o curso, en setembro, si que queremos ter catro sesións ao mes. Queremos ter obradoiros todos os meses e que realmente haxa movemento. Refírome a obradoiros de escrita creativa, de introdución á poesía para cativos… Penso que hai que cubrir un oco en Santiago, xa que agora mesmo hai pouca oferta de obradoiros de escrita. Este ano houbo algún de Suso de Toro, outro de Olalla Cociña, pero pouca cousa máis… Non é como na Coruña, que ten maior oferta e un público que responde, que vai sempre e encantado. (…)
– P: Que significa para poetas como vostedes, nun sistema no que vivir da literatura é ben complexo e da poesía imposible, converter a poesía no seu mundo laboral?
– AF: Non se pode pedir máis. Facemos o que nos gusta. Vimos de materializar un proxecto que estaba no aire, que se reducía de cando en vez a dicir “Que bonito sería ter unha libraría de poesía”. Meses despois, atopámonos no número 74 da Rúa de San Pedro facendo esta entrevista. Unha loucura, a verdade.”