Marcos Pérez Pena: “Na prensa galega da Transición hai titulares que hoxe serían impensables”

Entrevistamarcos-perez-pena-xerais de Montse Dopico a Marcos Pérez Pena en Praza (foto de Xerais):
“”Malia todos os defectos que se poidan detectar na actuación dos medios galegos na Transición e todas as críticas que se lles pode e se lles debe facer, cómpre realizar un acto de recoñecemento ao labor que naqueles anos realizaron tantos profesionais, redactores, fotógrafos, impresores e directivos dos medios de comunicación. Cómpre facer, en xeral, un recoñecemento da profesión xornalística e unha reivindicación da súa función social e da súa autonomía e capacidade de influencia, que tanto parece asustar as propias empresas informativas e os grandes poderes públicos e privados. Durante a Transición houbo un número moi importante de xornalistas galegos que exerceron a súa responsabilidade social, exercendo de voceiros da cidadanía e de defensores da democracia e da xustiza fronte ás forzas reaccionarias”. O xornalista e investigador Marcos Pérez Pena remata con palabras coma estas o seu ensaio A prensa en Galicia na Transición, que vén de publicar en Xerais.
– Praza: O libro é a túa tese, supoño que adaptada. Por que escolliches o tema da prensa en Galicia na Transición?
– Marcos Pérez Pena: O libro é unha versión resumida da tese, si, con menos aparataxe teórica. Fíxenlle ademais algúns engadidos á tese, como algunhas entrevistas e unha introdución máis ampla sobre o contexto xeral. O punto de partida foi un TAD, -o que antes se chamaba Traballo Academicamente Dirixido-. Unha tesiña, que foi o inicio da tese. O meu director, Luís Álvarez Pousa, animoume a estudar esta parte da historia de Galiza e do xornalismo, que está pouco traballada. É un período que aos historiadores quédalles demasiado próximo e aos xornalistas quédalles demasiado afastado…
En España a Transición tampouco está ben estudada, pero si houbo un revival, nos 90, de libros, memorias persoais… Poden ser mellores ou peores, pero en Galicia é unha etapa moito menos estudada. Por iso tiven un dobre traballo: a análise da actuación da prensa neste período e en paralelo un labor que se cadra non me correspondía tanto, pero que había que facer para a tese, que é un relato da Transición en Galicia, da historia da Transición. O obxectivo era analizar a prensa e a súa estrutura, tan importante para explicar o presente. O dominio das grandes familias e empresas da comunicación españolas e galegas non se entende sen a Transición. (…)”