Antonio Manuel Fraga, Marcos Pérez Pena, Programa Conciencia, Luís Emilio Batallán, Marisa Sobrino, Flor Maceiras, Festival S8 e Grupo Nove, Premios da Crítica de Galicia 2017

“No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso dun xantar do sábado 4 de novembro o ditame da cuadraséxima edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica. (…)

Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga, Premio de Creación Literaria
O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por María do Cebreiro Rábade Villar, poeta, gañadora da edición 2016; Diana Pastoriza Espasandín, blogueira, asesora CAFI Santiago; Armando Requeixo Cuba, crítico; Mario Regueira Fernández, crítico; Manuel Forcadela, profesor da UDV; Marcos Calveiro, escritor e Eulalia Agrelo Costas, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras De catro a catro. Manuscrito inédito de Manuel Antonio (Alvarellos); Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga (Alcaián, Urco) e Nordeste de Daniel Asorey (Galaxia). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio á obra de Antonio Manuel Fraga Querido H.P. Lovecraft editada por Alcaián Urco.
O xurado salientou da obra gañadora que “constitúe un enxeñoso acercamento ao estraño, mesturando brillantemente o sobrenatural co fantástico, onde sobrancea a habil creación de ambientes perturbadores que nos acaban afectando do mesmo xeito que ao ficticio Lovecraft”. O xurado sinalou que “alén diso, fai unha descrición dos personaxes cun par de expertas pinceladas breves que lle outorgan unha personalidade claramente única e fascinante”. Rematou sinalando que “coma nos textos de Lovecraft, acompañamos a Robert na súa caída libre no abismo da culpa, ficando envoltos no misterio engadindo a peza que completa o círculo lovecraftiano”.

A prensa en Galicia na Transición, de Marcos Pérez Pena, Premio de Investigación
O xurado da modalidade de Investigación, formado por Blanca Roig Rechou, catedrática USC, gañadora da edición 2016; Vanesa Valdeiglesias, profesora UDC; Carme Adán Villamarín, catedrática de Filosofía; Uxío Labarta Fernández, investigador, Instituto de Investigacións Pesqueiras; Xurxo Mariño Alfonso, neurocientífico, profesor UDC; Xavier Senín, profesor e tradutor e María Xosé Porteiro García, que actuou como secretaria en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou declarar como finalistas a María Xosé Agra; ao proxecto de Secuenciación xenética do rodaballo (USC-CSIC,CENAG); e ás obras A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena (Xerais) e A nosa terra é nosa. A xeira das Irmandades 1916-1931 de Emilio Xosé Ínsua (Baía edicións). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena, editado por Xerais.
O xurado destacou que “valoraba moi positivamente a cantidade, calidade e diversidade das propostas presentadas que reflicten o auxe da investigación científica e do pensamento en Galicia”. Sigue lendo

Marcos Pérez Pena: “Na prensa galega da Transición hai titulares que hoxe serían impensables”

Entrevistamarcos-perez-pena-xerais de Montse Dopico a Marcos Pérez Pena en Praza (foto de Xerais):
“”Malia todos os defectos que se poidan detectar na actuación dos medios galegos na Transición e todas as críticas que se lles pode e se lles debe facer, cómpre realizar un acto de recoñecemento ao labor que naqueles anos realizaron tantos profesionais, redactores, fotógrafos, impresores e directivos dos medios de comunicación. Cómpre facer, en xeral, un recoñecemento da profesión xornalística e unha reivindicación da súa función social e da súa autonomía e capacidade de influencia, que tanto parece asustar as propias empresas informativas e os grandes poderes públicos e privados. Durante a Transición houbo un número moi importante de xornalistas galegos que exerceron a súa responsabilidade social, exercendo de voceiros da cidadanía e de defensores da democracia e da xustiza fronte ás forzas reaccionarias”. O xornalista e investigador Marcos Pérez Pena remata con palabras coma estas o seu ensaio A prensa en Galicia na Transición, que vén de publicar en Xerais.
– Praza: O libro é a túa tese, supoño que adaptada. Por que escolliches o tema da prensa en Galicia na Transición?
– Marcos Pérez Pena: O libro é unha versión resumida da tese, si, con menos aparataxe teórica. Fíxenlle ademais algúns engadidos á tese, como algunhas entrevistas e unha introdución máis ampla sobre o contexto xeral. O punto de partida foi un TAD, -o que antes se chamaba Traballo Academicamente Dirixido-. Unha tesiña, que foi o inicio da tese. O meu director, Luís Álvarez Pousa, animoume a estudar esta parte da historia de Galiza e do xornalismo, que está pouco traballada. É un período que aos historiadores quédalles demasiado próximo e aos xornalistas quédalles demasiado afastado…
En España a Transición tampouco está ben estudada, pero si houbo un revival, nos 90, de libros, memorias persoais… Poden ser mellores ou peores, pero en Galicia é unha etapa moito menos estudada. Por iso tiven un dobre traballo: a análise da actuación da prensa neste período e en paralelo un labor que se cadra non me correspondía tanto, pero que había que facer para a tese, que é un relato da Transición en Galicia, da historia da Transición. O obxectivo era analizar a prensa e a súa estrutura, tan importante para explicar o presente. O dominio das grandes familias e empresas da comunicación españolas e galegas non se entende sen a Transición. (…)”