Antía Otero: “O rural non está en fase de desaparición, o rural morreu”

Entrevista de Noelia Gómez a Antía Otero en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): “As casas deixan cicatrices (ás veces invisibles) pero queiman”. Este é un dos primeiros poemas de O cuarto das abellas. Que hai detrás deses versos?
– Antía Otero (AO): Igual que ao mellor un non transitou nunca o que é a morte pero viviu moitas mortes ao longo da vida, as casas dalgunha maneira van deixando feridas. Non teñen porque ser cicatrices físicas nin estar asociado directamente co negativo. Teñen que ver con marcas. Como quen deixa marcas na codia dunha árbore. A casa como espazo incorporado no tránsito. A casa en O cuarto das abellas é algo importante. É algo referencial como arquitectura e tamén a nivel simbólico.
– SG: Falas da casa dos teus avós, mais tamén doutros espazos. Outros cuartos.
– AO: A casa dos avós é importante neste libro. O cuarto das abellas existe fisicamente pero até aí. Gustábame entrar no sentido da casa como orixe. A casa como matriz. E outros espazos. Todos os outros espazos que ao longo da vida imos sentindo como casas. É dicir, o cuarto de baño dun bar pola noite pode ser unha casa. As casas, os lugares de calma ou de protección que un vai creando e desenvolvendo ao longo da vida. (…)
– SG: O feminismo tamén tiña protagonismo nos libros anteriores. En O son da xordeira, o teu primeiro poemario, dis “incrongruencia é dicir que a muller naceu da costela do primeiro home cando ela foi a que lle deu o ser”. Agora, en O cuarto das abellas, obsérvase, en concreto, no poema ‘Matronas veladas’, que lle dedicas a Dores Tembrás.
– O texto das matronas xurdiu a través dunha conversa na que Ana Abelenda nos xuntou a dialogar a Dores Tembrás, a Olalla Cociña e máis a min sobre a relación entre a literatura, a muller e a arte. De aí xurdiron unha serie de conversas entre nós e deume para escribir ese texto. Algo que falamos Dores e máis eu era sobre as mulleres que traballamos na literatura como autoras e editoras. O triplo traballo que hai que facer para moitas cousas. Para que che dean o lugar. Parece que non é un lugar que ti tes por dereitos, senón que cho teñen que dar. Iso paréceme terrible. De aí xurdiu ese poema, e tamén bebendo da idea das Guerrilla Girls. Ese colectivo de mulleres que nos anos 80 viron que nos museos a presenza das mulleres era sempre como obxecto. Non como autoras. Formaban parte das obras de arte como espidos que os homes pintaban. En relación con todos estes elementos xurdiu o texto. (…)
– SG: A natureza e o rural é outras das temáticas a destacar na túa poética. En O son da xordeira había millo, campo e bolos de pan. Agora dalgunha maneira regresan.
– AO: Para min hai algo que está pasando na natureza. Neste caso no entorno rural. O rural non está en fase de desaparición, o rural morreu. Polo menos tal e como o coñeciamos. En O cuarto das abellas non quixen falar desde a dor. Quixen falar desde a consciencia. Está abandonado. E o abandono é salvaxe e duro. A emoción está no abandono, mais non xeremos drama disto. É así. A miña relación coa natureza non foi una visión contemplativa. Foi como de estar dentro e ser consciente. Había en O son da xordeira un poema que falaba dos eucaliptos. Creo que aí xa comeza este deterioro. Aquí foi contado desde dentro. (…)”