Víctor F. Freixanes: “Galaxia é un patrimonio nacional”

Entrevista a Víctor F. Freixanes en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Que balance fai do seu paso por Galaxia?
– Víctor Freixanes (VF): Pois foi un período moi intenso. Pensa que eu adiquei 30 anos da miña vida profesional a dirixir empresas editoriais, primeiro Xerais, onde entrei en 1987, e despois Galaxia, dende 2002. Foi unha etapa importante e chea de felicidade, que só me deixa alegrías. É certo que me tocou atravesar unha crise dura, dende 2009, pero afortunadamente Galaxia é unha editorial con reservas abondo, cunha política económica moi austera e cunha enorme xenerosidade, tanto por parte dos traballadores como polos membros do consello de administración. A editorial Galaxia, que se creou en 1950, nunca repartiu beneficios entre o seu accionariado. Sempre se entendeu que traballabamos para un proxecto de país. Con ese espírito me incorporei e con ese espírito marcho. (…)
– EP: Deixa a editorial con boa saúde? E o libro galego?
– VF: Todo depende de con quen nos comparemos. Os problemas de saúde que poden ter Galaxia e o libro galego son os que ten a cultura en todo o mundo e, concretamente, os da lingua galega. Que non son poucos. O idioma ten un problema grave de renovación xeracional. Agora, se comparas a industria do libro galego hoxe co que había cando eu tiña 20 anos, ves que demos pasos xigantescos. No 1975 publicáronse 68 libros en galego, hoxe editamos catro ao día. Pero o problema está no horizonte. Como pasa con todo na vida. O libro e a cultura en Galicia o que necesitan é unha política seria que as atenda. Pola contra, a min paréceme que estamos un pouco abandonados a unha cultura do que diga o mercado. E iso non pode ser. Coa cultura non se pode aplicar ese criterio. Hai cousas que son un patrimonio de todos, que hai que coidar e protexer máis alá de que exista unha demanda masiva de consumo. É unha responsabilidade que temos.
– EP: Precisamente, unha cuestión que se critica dende diversos sectores da cultura é a ausencia dunha política estratéxica. Tamén a falta de entendemento interinstitucional. Cales diría que son os grandes problemas do sector en Galicia?
– VF: Estou totalmente de acordo con esas dúas que mencionas. Na cultura e noutros ámbitos, como poderían ser o da educación ou a da ordenación do territorio, hai que recuperar os espazos de encontro e de diálogo. Porque son moitas máis as cousas que nos unen das que nos separan. Un exemplo: hai dez anos que se aprobou a Lei do Libro. Por unanimidade. Igual que o Plan de Normalización Lingüística. Por u-na-ni-mi-da-de tamén. Ningún dos dous se executou. Non hai vontade política de poñer iso en marcha. Todo remata nunhas loitas partidarias absurdas a medio camiño entre a impotencia duns e o desinterese dos outros. Perdémonos na retórica e non avanzamos. A Lei do Libro ten todo o necesario para asentar unhas bases de políticas estratéxicas para o sector. E aí quedou, como tantas outras cousas. O caso do Plan de Normalización é aínda peor, porque o Partido Popular acabou empregándoo de xeito electoralista na primeira campaña de Núñez Feijóo, con toda aquela historia de Galicia Bilingüe. É imprescindible corrixir todo iso e volver aos espazos que eu chamo de denominador común. A xente ten que sentar a falar con limpeza de espírito e con xenerosidade, que ao final non é outra cousa que intelixencia política. Porque, ás veces, o que nos perde aquí é o espectáculo de quedar ben coa propia parroquia, o postureo, que se di agora.”