“Rosalía é quen é porque nada galego lle foi alleo e nada humano lle foi alleo”

Conversa en La Voz de Galicia con Anxo Angueira, Pilar García Negro e Dores Tembrás (foto de Merce Ares):
“Mañá de sol na Casa da Matanza, a apenas unhas horas da celebración do Día de Rosalía de Castro, 24 de febreiro, no que se cumpren 180 anos do seu nacemento. Alí, no corazón de Padrón e de Galicia, xúntanse o investigador e director da casa-museo da escritora, Anxo Angueira, a profesora e ensaísta Pilar García Negro e a poeta e editora Dores Tembrás, tres voces moi diversas que profundaron no estudo da obra e da vida da autora de Cantares gallegos. Non hai dúbidas hoxe na sociedade galega sobre a perfecta vixencia do seu legado, que os tres acreditan sen matices. «Hai todo un rebumbio, un remuíño de actividades, de festexo, nos máis diferentes ámbitos… Xa non é o día, é a semana, é o mes de Rosalía. Rosalía está moi viva, plenamente vixente. Vixente como emblema nacional que é e tamén en canto ao seu perfil literario», confirma Angueira con entusiasmo. É a escritora galega por antonomasia, a que inaugura a literatura galega contemporánea e asemade é a escritora galega universal por excelencia, terza García Negro, quen máis aló diso ofrece unha explicación moi sinxela e elocuente: «Rosalía é quen é porque nada galego lle foi alleo e nada humano lle foi alleo».
Iso son razóns, pero aínda así sorprende o seu impacto iconográfico, a súa adopción pola xuventude, dun rostro doutro tempo, incluso nesa revisión pop atribuíble ao xa universal deseño das camisetas de Rei Zentolo, que tanto evoca ao toque Warhol. «As novas xeracións seguen a reclamala como un icono», sinala Tembrás, que visita con moita frecuencia centros de ensino e comproba sempre como os rapaces botan man dela cando se lles require polo nome dun poeta. Vai máis lonxe do popular, di, de que saia nos libros de texto, de que sexa unha figura fundamental que representa o canon, do seu peso fundacional. Tembrás fala da forza asombrosa da súa voz poética, «actualísima», que move aos mozos, e que non ten que ver con lecturas críticas ou históricas: «Hai algo que me segue fascinando, que é que poetas novísimos, adolescentes, continúan reivindicando a súa figura nos seus poemarios, cítana, dedícanlle os seus versos».
«A súa obra -enxalza García Negro- é unha interpelación constante ao ser galego, ao dereito a existirmos, a un patriotismo galego firmísimo do que non dimitiu endexamais». A modernidade radical de Rosalía -entonces unha novidade absoluta- pódese ver, anota, nesa escolla da muller como suxeito protagónico: o feminismo é un grande principio organizador de toda a súa obra, na que denuncia o sexismo e a cousificación das mulleres. Pero tamén hai unha defensa do dereito e da dignidade do traballo e un avanzado pensamento sociomoral, como a súa clarísima denuncia e enfrontamento cos poderes eclesiásticos e civís, a súa heterodoxia relixiosa… «Todo isto rebenta de actualidade -clama a profesora, reputada especialista na obra de Rosalía- porque son expedientes non só que continúan vivos senón que para a Galiza actual son grandes preguntas e grandes necesidades que temos aínda». Agora ben, esa socialización de Rosalía, esa adopción pop, non é sinónimo de coñecemento, é unha impregnación que ten de positivo una ligazón afectiva e a consideración de que é o grande símbolo galego unitivo, admite García Negro, pero que, matiza, «se houbese unha lectura profunda da súa obra a conciencia galega teríase disparado».
O seu perfil subversivo continuou, permanece, abonda Angueira. «Xa sabemos que o poder pode utilizar os emblemas edulcorados. Pero nunca houbo unha desconexión entre o pobo e a figura de Rosalía. Unha muller que bebeu do pobo, que retratou o pobo, e na que o pobo se viu retratado. É unha figura adaptable, moderna, e que aínda coñecerá moitas actualizacións, algo que non lle pasa a Castelao ou a Cela ou a Pardo Bazán, que representan outras cousas moi distintas para o imaxinario galego».
A carga revolucionaria, transgresora, patriótica, feminista de Rosalía, di García Negro, «tampouco casa cos poderes dominantes hoxe, que capturan o símbolo no seu propio beneficio, nunha versión anestesiada», censura. (…)”