A área de Cultura da Deputación aposta pola montaxe de textos teatrais galegos contemporáneos

Desde a Deputación da Coruña:
“A área de Cultura da Deputación da Coruña incluirá no Premio Rafael Dieste de textos teatrais a montaxe da obra gañadora, como se acordou nunha xuntanza mantida coa Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.
A vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, mantivo unha xuntanza co presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, para analizar diversos aspectos da colaboración entre ambas entidades e, de maneira especial, de diversas iniciativas relacionadas coa escrita teatral.
Na xuntanza, Goretti Sanmartín confirmou a incorporación como novidade nas bases do Premio Rafael Dieste na súa nova edición a representación da obra gañadora, como fora suxerido tamén pola AELG. “Incluír a montaxe da obra nas bases do premio de textos teatrais responde á aposta polas obras de teatro galego contemporáneo, unha das demandas de autores e autoras do xénero”, explicou Goretti Sanmartín Rei despois da xuntanza que mantivo con Cesáreo Sánchez Iglesias. Desde a Asociación de Escritores e Escritoras solicitaron que o Premio Rafael Dieste tivese unha periodcidade anual, o que a Deputación se comprometeu a estudar.
A área de Cultura da Deputación da Coruña mostrou tamén o seu interese no programa de lecturas dramatizadas de textos teatrais, entre eles os gañadores do premio, que desenvolve a AELG, coa que mostrou a vontade de colaborar. De cara ao programa de actividades do presente ano, a AELG anunciou que incluiría unha programación específica para o ámbito teatral co fin de destacar o papel de autores e autoras do xénero. “A escrita dramática foi perdendo peso polas dificultades tanto de posta de escena como de publicación, co cal é preciso incentivar a súa presenza, devolver a vitalidade que historicamente tivo o teatro galego, mesmo na construción do sistema cultural galego”, sinalou Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.”