Desde Sermos Galiza:
“Pasadas as 17:00 h. do 7 de marzo decenas de persoas entraban no cemiterio coruñés de Santo Amaro, ao son do Himno do Antigo Reino da Galiza, para conmemoraren a vixencia do legado de Eduardo Pondal no centenario do seu falecemento. Cunha ofrenda floral, a federación Galiza Cultura de asociacións culturais lembraba que o bardo morría o 8 de marzo de 1917 na cidade da Coruña.
En declaracións a Sermos Galiza, a presidenta da federación, María Pilar García Negro, puxo de manifesto que “a celebración de efemérides nacionais como este caso non son actos funerarios, senón actos de vida vinculados a algo fundamental da nosa condición de humanos, que é a memoria, e non só en termos de homenaxes de vida a todas e todos aqueles que nos precederon na configuración e na representación da nosa nación, da Galiza, senón tamén no que hai de exemplo para o presente e para o futuro”.
En relación a Pondal, García Negro explicou que “as súas palabras non son defuntas, arqueoloxía, senón que manteñen unha vixencia esencial; como se dicía hai cen anos, a redención do pobo galego, e co vocabulario de hoxe, porque necesitamos que a Galiza se oia a si mesma e coñeza a súa historia e a súa cultura, e dispoña hoxe en día de todo o bo, rico e variado que se fai en todas as artes”. Engadiu que os medios, nos distintos soportes, “deben ofrecer unha imaxe do realmente existente na Galiza e non do prefabricado coa intención de que sigamos a ser elementos servos doutra condición, doutra política e doutra ideoloxía española, occidental ou global”. (…)
[Manuel Ferreiro] Puxo de manifesto que as Irmandades “recoñeceron a obra de Pondal e a súa entrega á misión de redención do pobo, coas súas luces e con algunhas sombras, coas súas contradicións e coas lecturas máis ou menos difíciles nas que actualmente nos temos que recoñecer”. “Espero que noutros cen anos outras Irmandades veñan entregar aquí unas flores perante a tumba de Eduardo Pondal e de todos os que viñeron detrás del”, agregou. (…)”