Daniel Salgado: “A cultura, ao fin e ao cabo, consiste en ter unha vida mellor”

Desde Sermos Galiza:
“Atopamos ao Daniel Salgado poeta, tradutor e xornalista coordinando Cairón, a revista do Instituto de Estudos Ulloáns. E aproveitamos a circunstancia para sabermos máis deste comarca do centro do país e tamén dos seus futuros proxectos, nos que que se inclúe unha tradución do poeta beatnik Ferlinghetti ou un libro de conversas con Martiño Noriega.
– Sermos Galiza (SG): Hai tempo que non tiñamos novas do Daniel Salgado poeta, músico ou xornalista. E agora regresas dirixindo Cairón, a publicación do Instituto de Estudos Ulloáns. Cóntanos deste repregamento aos cuarteis de inverno en Monterroso.
– Daniel Salgado (DS): Máis que dirixir é coordinar. É unha proposta que vén do Instituto de Estudos da Ulloa, que se funda ao mesmo tempo que se decide facer esta revista. Hai ano e medio que se constitúe con xente dos tres concellos da Ulloa. E unha das primeiras propostas é facer este boletín, e todo o mundo dixo “que o coordine Dani”. Así foi a cousa.
– SG: Cairón é un lugar que non existe. Cóntanos a historia deste nome.
– DS: Cairón é un topónimo que o poeta Lorenzo Varela, que é orixinario de Monterroso a pesar de que naceu na emigración e pasou boa parte da vida exiliado polas súas ideas galeguistas e comunistas. É un topónimo que el usa nun poema, escrito en castelán, cando a liberación de París dos nazis. Entón el escribe un texto que se titula “Ofrenda aos franceses” no que di que el non ten nada, que é un pobre exiliado, que lle quitaron o seu país, a súa aldea. E escribe Cairón, un topónimo que eu non conseguín ubicar, nin eu nin ninguén que eu coñeza da zona. Probablemente faga alusión á Serra do Careón, que é a que pecha a comarca da Ulloa contra o oeste, que se vía desde a súa aldea onde pasou a súa infancia. (…)”