Celia Parra: “En Galicia hai unha concentración moi grande de videopoesía”

Entrevista a Celia Parra en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Como xurdiu este proxecto?
– Celia Parra (CP): Versogramas xurdiu en 2013 a raíz dun proxecto fin de máster, que dei coa idea de levar á realidade. A miña titora, Fernanda del Nido, á quen estou moi agradecida, presentoume a Juan Lesta e Belén Montero, da produtora Esferobite, que tiñan unha inmensa experiencia en videoclip, vídeo experimental e contidos para museos. Sumáronse ao proxecto, e traballamos xuntos dende entón. (…)
– EP: E como se podería definir este xénero?
– CP: É difícil de definir, e hai distintas maneiras de entendelo. Se tivese que establecer unha definición, diría que é un xénero audiovisual ou literario que emprega a linguaxe audiovisual para trasladar a atmosfera dun poema. Mestura vídeo, imaxe e son dunha maneira creativa baseándose nun poema, para crear algo distinto que o complemente, reforce ou contradiga. Así, créase esa cousa un pouco máxica, que non é poema, nin vídeo, é outra cousa.
– EP: Dentro deste panorama internacional da videopoesía, que lugar ocupa Galicia?
– CP: Un lugar fundamental. Aquí hai moita tradición de videopoesía e videocreación. Nos anos 80 a videocreación galega estaba nun punto de ebulición total, no que se sitúan as primeiras obras de Antón Reixa ou Xavier Villaverde, e Yolanda Castaño, xa nos 90. Pero ademais de ter unha tradición clara de videocreación e videopoesía, o xénero evolucionou con bastante saúde. Agora mesmo, ao meu redor, vexo concursos de videopoesía e máis videopoetas: Dandy Lady, Cinta Adhesiva, as Candongas do Quirombo, colectivo FIINDA… Hai moitísimos, e tamén hai iniciativas de videopoesía no eido educativo. Parece que hai unha concentración moi grande de videopoesía aquí. (…)”