Paseos pola Coruña literaria – Outono 2017

Os Paseos pola Coruña literaria – Outono 2017 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.
Hai moitas formas de pasear pola cidade. Nesta ocasión, seguirémolo facendo a través de paseos pola Coruña da man das propias escritoras e escritores que ambientaron obras na cidade.

Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.
Os prazos de inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, son os seguintes:
– Xosé Luís Axeitos. Inscrición desde o luns 18 de setembro.
– María Solar. Inscrición desde o luns 25 de setembro.
– Paseo sobre Agustín Fernández Paz, guiado por María Jesús Fernández. Inscrición desde o luns 9 de outubro.
– Xabier P. DoCampo. Inscrición desde o luns 23 de outubro.
Farase, a partir das datas indicadas, na conserxería do Centro Ágora (Lugar da Gramela, 17) ou chamando ao 981 189 888 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos), ou en lingua@coruna.es, onde deberá constar o/s nome/s e apelidos da/s persoa/s inscritas e un teléfono de contacto.

30 de setembro, de 12:00 a 13:30 h. Con Xosé Luís Axeitos. Dicía nos anos vinte do pasado século El Pueblo Gallego, a propósito da estreliña nacionalista que adoitaban poñer os irmandiños na cabeceira das súas cartas, o seguinte: «Ises loceiriños que estrelecen o ceo dos nosos escritos, isas margaridas pentapétalas, que bosquexamos inxenuamente derriba das nosas cartas espranzadas…» Os nacionalistas do século XXI seguimos aínda, perdida a inxenuidade, detrás do ronsel desas estreliñas esperanzadas.
7 de outubro, de 17:30 a 19:00 h. Con María Solar. Desde o peirao da Coruña partiu en 1803 a corveta María Pita para levar a vacina da varíola ao Novo Mundo da única maneira posible, a través dunha cadea de vacinación a 22 nenos orfos. A cidade foi parte e escenario da preparación desta xesta médica sen precedentes. Os nenos da varíola recupera, novelada, a memoria do que pasou. O roteiro levaranos da man pola historia e a ficción literaria, un paseo para recuperar parte da memoria da cidade e da humanidade.
21 de outubro, de 12:00 a 13:30 h. Paseo sobre Agustín Fernández Paz, guiado por María Jesús Fernández. Quixera que fosen as palabras do propio Agustín Fernández Paz as que desen xusto sentido a este percorrido polos escenarios da novela A viaxe de Gagarin, derradeira que o querido e lembrado escritor e amigo dedicou ao público lector adulto. Dicía Agustín nun texto que escribiu no mes de novembro de 2015 para recibir o Premio da Crítica de Creación Literaria dese ano, e que eu tiven a honra de ler no seu nome: «… A Viaxe de Gagarin, como toda historia que pretende ser universal, afonda as súas raíces nun territorio moi concreto: a cidade da Coruña, na década dos sesenta… … A viaxe de Gagarin é, dalgún xeito, un libro xeracional: un repaso á España, á Galicia, dunha amarga etapa da ditadura de Franco, desde finais dos cincuenta ata a morte do ditador. Unha etapa da que, aínda hoxe, as ondas do que nela sucedeu chegan ata nós…».
4 de novembro, de 12:00 a 13:30 h. Con Xabier P. DoCampo. Lembro cando, nos últimos anos cincuenta do século pasado, había na Coruña dezasete salas de cinema abertas. Dese xeito, o cinema chegaba a todos os barrios da cidade, cousa importante dado que era o único espectáculo que nos abría unha fiestra ao mundo exterior nun panorama de illamento cultural. A intención do roteiro é a de percorrer os lugares onde estaban aquelas salas, en especial as do centro, que eran as de estrea, aínda que falaremos tamén das outras, as de reestrea ou populares. E falaremos moito do que significaba o cinema, de como eran as salas, o público…