Artigo de Montse Dopico en Praza (foto de Distrito Xermar):
““A poesía galega de hoxe é como é porque as mulleres tomaron o temón”. Con palabras coma estas comezou Marta Dacosta a primeira das mesas celebradas no congreso Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega, organizado pola AELG e que se desenvolveu hai uns días no Pazo da Cultura de Pontevedra. As dúas xornadas deste encontro serviron para reivindicar, entre outras cuestións, a poesía escrita por mulleres, mais alén dos tópicos porque, tal como remarcaba Yolanda Castaño en alusión aos discursos sobre as “poetas dos 90, “houbo que estar alí para vivilo”.
Castaño repasou precisamente, por quenda xeracional -antes dela falaron Helena Villar Janeiro e despois Rosa Enríquez– a chamada poesía dos 90. Cando se menciona a “cacarexada eclosión” de mulleres poetas nesta década, indicou, tamén hai que lembrar o “acoso intolerable que tivemos que aturar”. Citou, ao respecto, as “pseudocríticas literarias” que aludían aos seus ciclos menstruais, os insultos relacionados coa súa sexualidade, as “caricaturas en roupa interior” ou, en xeral, as consideracións “extraliterarias” coas que se lían os seus libros, ao tempo que “debates sobre o noso aspecto desatendían o noso traballo”, vindo ademais, moitos destes ataques, -sostivo-, de persoas consideradas parte da “vangarda intelectual”, “progresista”, “iconoclasta” e “cool”.
Antes dela, Marta Dacosta, -que actuou como moderadora da mesa-, salientara que, aínda hoxe, as mulleres teñen un papel “secundario” -tamén na poesía- en canto a visibilidade ou, simplemente, número de autores e autoras publicados ou premiados. “Seguimos a ser minoría”, sinalou. Como o eran na xeración de Helena Villar Janeiro, que repasou algúns dos atrancos cos que ela mesma tivo que enfrontarse por ser muller escritora. (…)”