Entrevista de Daniel Salgado a Eduardo Estévez en Sermos Galiza:
“A balea é un animal mitolóxico. Mais materia e mito son, por veces, dificilmente distinguíbeis. E as baleas existen. O poeta Eduardo Estévez (Buenos Aires, 1969) viunas na Patagonia, navegou entre elas, sentiunas falar. Agora atravesan o seu último libro, de baleas (Caldeirón), no que regresa ás orixes do seu labor como lector e escritor de poesía. “A certa tradición cultural arxentina que tiña esquecida”, engade.
“unha balea varada na praia / estarrece como a ruína dun imperio // é unha postal imposíbel / no centro da paisaxe”, escribe Estévez. “As baleas son unha escusa. Hai textos sobre ellas, é certo, pero en xeral andan por aí”, explica. Ao poeta interésalle máis a “carga simbólica”, a potencia metafórica do mamífero: “É a memoria, a viaxe, a paciencia, moitas cousas bonitas”. E que lle permiten escavar, como quería Seamus Heaney para a súa pluma, na propia biografía.
“Antes de chegar a Galiza, vivín en Venezuela catro anos. Nunca conseguín integrarme. Relacionábame cun grupo do que chaman alí sureños, chilenos, uruguaios, arxentinos”, relata, “por iso cando viñen aquí pelexei por integrarme. Tapei todo o arxentino, non quería unha tribo”. Mais a paternidade mudou o seu punto de vista. “Decateime de que o meu fillo non sabía nada desa cultura e decidín recuperala”. Esa decisión coincidiu con outra epifanía, a visita a Galiza do gran poeta arxentino Juan Gelman (1930-2014).
“cando o río era opaco e a esperanza / non minguaba / juan poeta”, di no poema e volveu macarena na inundación. Gelman e Raúl González Tuñón (1905-1974), aquel escritor comunista de enorme estatura na Arxentina, actúan como presenzas fundantes en de baleas. Mesmo comparecen con nome e apelidos nalgús textos. “Busco que o diálogo que estabelezo con outras voces ao ler sexa explícito”, indica Estévez, “aínda que non sempre estea de acordo con elas e as contradiga”. (…)”