Entrevista de Daniel Salgado a Xosé Ballesteros en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Segue a haber prexuízos contra a literatura infantil?
– Xosé Ballesteros (XB): Iso é como se alguén di que a educación infantil é algo menor, cando está comprobado que a base da cultura dunha persoa e da súa capacidade de desenvolvemento psicolóxico integral ten que ver con como te educan nos primeiros anos da túa vida. A literatura infantil é algo menor, por que? Todos temos lecturas de cando eramos nenos, e a nosa cultura ten unha base que son as lecturas que fixemos de pequenos. Se ti de rapaz tes acceso a grandes obras da literatura pensadas para a idade psicolóxica na que vives, e vante acompañando e tes posibilidades mesmo de escoitar música e ter unha formación musical artística, teatral… Se desde pequeno van cultivándote como se cultiva unha planta ou unha árbore, terás unha vida moito máis rica que se estás todo o día diante dun televisor mirando programas lixo. O que si me preocupa é a pouca visibilidade da literatura infantil nos medios. Aí si que hai prexuízos.
– SG: A literatura infantil como rama menor da cultura.
– XB: Nós somos editores e buscamos a calidade literaria e plástica. Non só para os nenos. Cando publicamos para adultos, cando publicamos a biblioteca de pedagoxía, cando publicamos teatro, queremos publicar o mellor dentro das nosas posibilidades. Hai outras editoras, e non estou pensando nas galegas que abondo teñen con existir, no Estado español que publican Cuentos tradicionales para niños de seis años, color azul; Cuentos tradicionales para niñas de seis años, color rosa. É un mundo complexo e hai xente que publica para nenos e só lles interesa o consumo. E hai outros que queremos publicar non só para o lecer senón para contribuír á evolución integral da persoa. Non chegamos aquí da nada. Temos referentes. E somos un proxecto que sabemos que existe Rodari e a súa Gramática da fantasía, pero tamén sabemos que existiron as Misións Pedagóxicas, a Institución Libre de Enseñanza, os mestres republicanos represaliados. Considerámonos herdeiros deses movementos da escola máis renovadora e de editoras como Felicidad Orquín ou a propia Esther Tusquets. Como di Orquín, ela decidiu ser editora como opción política. Nós seguímolo tendo claro. Publicamos libros e temos claro que publicar para a infancia tamén supón opcións políticas e ideolóxicas. E asumimos esa función social e transformadora. (…)”