O Congreso do Teatro Galego homenaxea Ernesto Chao, Celso Parada e Gustavo Pernas

Desde Erregueté:
“O I Congreso Internacional de Teatro Galego chega á súa fin homenaxeando a tres figuras fundamentais do teatro galego desaparecidas nos últimos tempo. Ernesto Chao, Gustavo Pernas e Celso Parada serán lembrados na cerimonia de clausura, na que se lles entregará, a título póstumo, a Medalla da Academia Galega de Teatro.
No acto, no que se darán a coñecer as primeiras conclusións do Congreso, tamén se nomeará Membros de Honra da Academia a Manuel Lourenzo, María Xosé Queizán e Luís Álvarez Pousa. A xornada pretende, en palabras dos organizadores do Congreso “render homenaxe a toda unha xeración que traballou para que a escena galega existise”.
A clausura do Congreso, na que está prevista a asistencia de autoridades da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, entre outras, así como das entidades colaboradoras na organización do Congreso como a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), o Consello da Cultura, o Centro Dramático Galego, a SGAE (Sociedad General de Autores de España) ou AISGE (Artistas Intérpretes, Entidad de Gestión de Derechos de Propiedad Intelectual).
O I Congreso Internacional de Teatro Galego analizou durante os últimos tres días cuestións relacionadas coa experiencia acumulada no teatro galego nos últimos corenta anos, sobre os retos que enfronta na actualidade e sobre modelos externos dos que se poidan extraer ensinanzas no futuro. Máis de setenta especialistas participaron en conferencias, mesas de debate, comunicacións persoais e debates plenarios para, por unha banda, analizar o presente dende unha perspectiva académica que contribúa a un mellor coñecemento do sistema teatral de Galicia e, pola outra, deseñar os principios teóricos que deben guiar a creación dun plan estratéxico e dunha lexislación que ampare a creación e distribución escénica para a vindeira década.
O primeiro día do Congreso, o Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura, presentou un completo Informe sobre a situación das artes escénicas que analiza o sistema teatral desde unha perspectiva global e que, ademais, ofreceu as primeiras cifras de como lle afectou a crise derivada da pandemia.
Presentacións de iniciativas editoriais, arquivos de documentación, plataformas virtuais e iniciativas de distribución completaron a extensa ollada que o Congreso deitou sobre as artes escénicas e que terá a súa continuación na publicación das conclusión que se editarán posteriormente.
Todas as sesións do Congreso estarán dispoñibles para a súa consulta, durante un mes, na plataforma culturaenvivo.com, a través da que se retransmitiu toda a actividade durante estes días.”

Comeza a XXXV MIT de Ribadavia

Desde Erregueté:
“A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia comeza hoxe oficialmente a súa trixésimo quinta edición, despois de que onte comezase oficiosamente co obradoiro visual de Irene Cantero na igrexa da Madalena e coa compañía de teatro afeccionado da vila Teatro do Vilar, que, pola noite, inaugurou as funcións no Auditorio do Castelo coa obra Aspirina para dous.
A partir de hoxe poderán verse na vila do Ribeiro un total de 24 espectáculos de cinco nacionalidades distintas. Ademais, poderase participar nun programa de actividades paralelas que inclúe obradoiros, coloquios con artistas, mesas de debate e presentacións.
Entre os espectáculos máis esperados desta edición está a estrea da nova produción de Chévere, Curva España, Amarillo, dos mexicanos Teatro Línea de Sombra, ou Jauría, o espectáculo de Kamikaze realizado a partir das transcricións do xuízo realizado a “La Manada”.
O circo terá un protagonismo destacado nesta edición con espectáculos como Orquestra de malabares, de Pistacatro; Oh!Limpiadas, de Sincronacidas –obra galardoada co Premio ao Mellor Espectáculo de Rúa en FETEN 2019–, ou o espectáculo da Compañía de Circo “eia” inTarsi, Mellor Espectáculo Revelación nos Premios Max 2017, unha obra que aborda o tema das novas masculinidades, outro dos eixos temáticos do programa deste ano.
A 35ª edición da MIT, ademais, renderá unha homenaxe a Ernesto Chao que, xunto coa celebración do 50º aniversario de Abrente, terá lugar o sábado 27 ás 20:00 no Salón de Actos da Casa do Concello.
Máis información e programa completo da 35ª MIT de Ribadavia, aquí.”

“Ernesto Chao máis alá de Miro Pereira”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“(…) “Unha das súas facetas máis salientábeis é o seu labor en Escena Galega e despois na Asociación de Actores e Actrices de Galicia”, opina de entrada a actriz Patricia de Lorenzo, da compañía Chévere, “ao final, as asociacións profesionais cobraron peso grazas a persoas como Ernesto”. Detrás dos escenarios non só están os dramaturgos, os encargados de vestiario, os directores. O teatro, lembra o crítico Camilo Franco, precisa de certa “organización social” para existir.
Ernesto Chao botárase ás táboas desde o seu país natal. Que era o Ribeiro e, polo tanto, a paisaxe da histórica Mostra de Teatro de Ribadavia. “O fundamental en Ernesto Chao foi a súa pertenza a unha xeración con vontade de ser actores e de transformar esa vontade nunha profesión”, sinala Franco. Facer da intepretación un modo de vida. Metamorfosar unha vocación en emprego. Construír os alicerces do teatro profesional galego.
Para realizar esa estratexia, Chao percorreu practicamente todos os estadios do mundo teatral. Actor, empresario, mesmo director do Centro Dramático Galego entre 1986 e 1987. “Ao cabo, a súa quinta foi a primeira realmente preocupada por organizar o teatro e a cultura en xeral”, engade o crítico. Aqueles esforzos iniciados nos anos 70 servirían ademais para “os que viñeron despois”.
O escritor Antón Lopo, que se encargou do comentario teatral nos últimos meses do Diario Cultural -antes de que a dirección da Radio Galega decidise suprimilo como tal despois de 28 anos en antena-, fala de “segunda remesa” de profesionais do oficio. Despois de nomes como Manuel Lourenzo ou Xulio Lago, pioneiros do teatro contemporáneo, Ernesto Chao “sempre conectado a Eduardo Alonso”, a súa compañeira Rosa Álvarez ou Luma Gómez, impulsaron “a profesionalización e a institucionalización”.
Dinamizador e activista e tamén empresario -anota Lopo: “Porque na industria cultural, o papel do empresariado é crucial”-, o creador, canda Rosa Álvarez, da compañía Lagarta, lagarta púxose na pel de innúmeros personaxes en máis de 35 obras. Patricia de Lorenzo salienta Noiteboa, de Redrum, unha traxicomedia dirixida por Álex Sampayo. “Sorprendeume estes días descubrir que fixera de Ramón Sampedro nun telefilme, Condenado a vivir”, engade. Estreouse en 2001 e dirixiuno Roberto Bodegas.
Bardem e Amenábar opacaron ao pouco aquel traballo televisivo de Chao, que tamén recorda Camilo Franco. Pero foi na inmediatez do escenario teatral onde as súas capacidades interpretativas amosaron todos os seus matices. “Nos últimos anos, queixábase de que non había papeis para actores maiores”, di Franco, “o seu traballo na televisión acabou por constrinxilo. É un fenómeno que pasa habitualmente, pero para el, como actor, era estraño”.
E, porén, alén de Miro Pereira estaba o Chao que fixo varios Shakespeare con Teatro do Noroeste, entre eles O Rei Lear. Transitou un “deserto” despois dos 15 anos de Pratos combinados, e só atopou o seu lugar no tramo final, considera Franco. Por exemplo, como Fernández Albor de Fariña -“un papel curto pero no que estaba no seu sitio”- na televisión, ou en Aeroplanos, da súa propia compañía teatral.
O coronel ten a quen lle escribir -sobre un texto de Manuel Riveiro Loureiro– e na que fixo de militar, ou A canción do elefante, de novo para Redrum de Álex Sampayo e cun personaxe de psiquiatra, son pezas de Chao que destaca Antón Lopo. Para quen o actor “sempre agachou na súa ollada ese neno que foi, próxima a certa maneira de ensoñación, en papeis moitas veces conmovedores”.
Eses que lle permitiron, segundo conclúe Camilo Franco, afrontar a última etapa da súa carreira a partir “da decisión de explicarse a si mesmo. Porque parecía que, se te dedicas á comedia, non tes ambicións artísticas. E el tiña ambicións artísticas”.”

Cultura e Educación institúe a través do Centro Dramático Galego o Premio Roberto Vidal Bolaño ao Espectador

“A Consellería de Cultura e Educación instituíu a través do Centro Dramático Galego (CDG) o Premio Roberto Vidal Bolaño ao Espectador como iniciativa destinada a fomentar a actitude participativa entre o público teatral. O novo galardón, de carácter anual e vinculado á temporada de exhibición do Salón Teatro, publicou a súa primeira convocatoria. O seu obxectivo é recoñecer as achegas dos asistentes aos espectáculos programados no espazo escénico compostelán sede do CDG. Un xurado integrado polos propios traballadores da compañía pública valorará o interese, de todas as suxestións, opinións ou comentarios que os espectadores fagan chegar a través das fichas que poderán cubrir e depositar na caixa que para tal fin se situará á saída de cada unha das representacións. Deste xeito, e segundo o texto da convocatoria, ao final de cada temporada teatral xulgarase “a suxestión máis atinada, a máis brillante, a máis audaz, a máis reflexiva, a máis construtiva…” Ademais do obxectivo de estimular a participación activa do público, a Consellería de Cultura e Educación presenta o Premio Roberto Vidal Bolaño como instrumento que contribúa a afondar o diálogo entre xestores e públicos destinatarios finais do traballo escénico, de maneira que as apreciacións destes últimos incidan favorablemente no traballo desenvolvido polos responsables culturais e en beneficio da cultura galega en xeral.
O espectador ou espectadora que reciba o galardón conseguirá un abono anual para asistir de balde a todas as funcións do Salón Teatro da seguinte temporada, así como un lote das obras completas de Roberto Vidal Bolaño. As suxestións poderán comezar a depositarse por escrito a partir do inicio da temporada de representacións 2012-2013, que se abre o próximo venres 5 de outubro coa estrea de O Profesional de Dusan Kovacevic baixo a dirección de Manuel Guede Oliva e con Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel nos catro papeis do reparto. De feito, na mesma ficha que se utiliza para optar ao Premio Roberto Vidal Bolaño, os espectadores poderán emitir tamén a súa propia valoración concreta deste ou de calquera outro espectáculo dos programados, estimando nunha escala do 1 ao 5 aspectos como Valoración global, Son, Iluminación, Posta en escena, Elenco e Orixinalidade.”

Santiago, 30 de abril: Acto nacional pola lingua convocado pola Plataforma Queremos Galego

“Todo está xa en marcha para o vindeiro sábado 30 de abril vivirmos, a partir das 19:30 h. na compostelá Sala Capitol, unha gran festa colectiva en favor da nosa lingua e da nosa cultura. Un ACTO NACIONAL POLA LINGUA co que desde a Plataforma Queremos Galego desexamos amosar que a nosa é unha lingua viva, con forza e con futuro, malia os ataques recibidos polo actual goberno da Xunta de Galiza, do cal se fan estes días precisamente o seu segundo aniversario.
Desde Queremos Galego convidámosvos desde xa a que, se outros compromisos non volo impediren, nos acompañedes o día 30, a partir das sete e media, na Sala Capitol, nun acto onde palabras e sons na nosa lingua propia unirán toda a súa potencia para reclamarmos unha vez máis os nosos dereitos lingüísticos. Presentado e conducido polo polifacético creador e humorista Xosé Lois González “O Carrabouxo”, combinarase a música de Ugia Pedreira, Roi Casal e a súa banda, Miro Casabella e Roberto Sobrado coa palabra de Ernesto Chao, actual presidente de Escena Galega; Manuel Rivas; Teresa Moure; Pilar García Negro; Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG); e Carlos Callón.
As entradas ao acto teñen un prezo simbólico de 5 euros, que se destinará integramente a axudar economicamente á Plataforma Queremos Galego para que poida continuar coas súas actividades. Na páxina web da plataforma está xa operativo un sistema de reserva de entradas, que podedes retirar na propia billeteira da Sala Capitol o propio día 30 a partir das 19:00 h. No mesmo sitio, na sección de materiais, podedes descargar baners publicitarios da iniciativa en diferentes tamaños para pórdes en páxinas, blogues, etc.
Esta gran festa da nosa lingua será ademais o punto de partida para a gran mobilización expansiva que desde Queremos Galego estamos a impulsar para o vindeiro 17 de maio, para a cal desde xa vos emprazamos e da que axiña daremos máis detalles.
Agardándomos desde xa a vosa presenza, recibide unha moi forte aperta pola lingua.”