Rafa Vilar: “A cultura, á parte de pesar no PIB, constrúe a sociedade do coñecemento”

Entrevista a Rafa Vilar en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Un galardón especial por vir da cidade que o acolleu?
– Rafa Vilar (RV): Cheguei aquí con 18… Levo xa máis tempo aquí ca en Cee, aínda que sigo moi vinculado alá. É especial, si, porque é tamén unha homenaxe a ese mosaico de cidades que é Santiago: a cidade na que vives, a cidade histórica, a imaxinada, a xeracional…
– LVG: Vostede pertenceu ao Batallón Literario. Bota en falta aquel fervedoiro? Veríao hoxe posible?
– RV: Hai momentos e tempos históricos nos que se producen estas cousas que se dan case por casualidade. Foi unha confluencia de xente que tiñamos inquedanzas parecidas e que criamos que había un baleiro a cubrir. Fixémolo, reunindo a maior cantidade de xente para a dinamización social e cultural da Costa da Morte.
– LVG: É máis doado hoxe escribir e difundir? E publicar?
– RV: Gañouse en maneiras de expresión pública, pero hai outro elemento que ten que ver coa crise. Sempre impacta na cultura. Houbo un baixón nas obras publicadas, pero penso que ten máis que ver con eses motivos económicos, porque existir existe moita xente escribindo, publicando, buscando plataformas (redes sociais, recitais…) para socializar a literatura, canles que non pasen só polo papel ou o libro. Polo tanto, creo que é un bo momento de creatividade, con xeracións convivindo: xente de 50 coma min con outros de 18 ou 20 e mesmo de 80.
– LVG: E o apoio das Administracións?
– RV: Xa hai anos que veño sendo crítico co papel das Administracións e da principal que hai en Galiza, a Xunta. Non hai unha aposta decidida pola cultura e a literatura deste país. Prefiren investir cartos noutras cousas, ás veces inexplicables, sen entender que a cultura, á parte de pesar no PIB, porque si que pesa, tamén constrúe algo fundamental, a sociedade do coñecemento.
– LVG: Como de optimista é en canto ao galego? Que temos que facer?
– RV: Se o miro con perspectiva histórica, diría que estou preocupado. Cando comezaba a escribir hai 35 anos pensaba que poderiamos conseguir avances significativos no uso social do galego. Pero vexo un retroceso en determinados ámbitos e unha falta de aposta das Administracións por normalizar a lingua. Aínda así, quero ser optimista: hai moita xente que escribe, fai música e quere vivir as 24 horas en galego. Non deixamos de ser un foco de resistencia, e é o que nos vai permitir avanzar. Teño fillos pequenos aos que educo en galego: na casa falan galego, con moitos dos seus compañeiros tamén… Pero a escola tampouco funciona como elemento galeguizador. (…)”