“Que sorte que leamos isto pola parte que nos toca”, por Arancha Rodríguez Fernández

Artigo de Arancha Rodríguez Fernández na Platafoma de Critica Literaria A Sega:
“A poeta Lucía Aldao, que leva xa 20 anos (arriba ou abaixo) percorrendo Galiza coa súa poesía escénica, entreténdonos con María Lado cando son aldaolado, ás veces disfrazada de oso e outras de Lucía, publica libro sen deixar os bares. E claro, éntranos o fenómeno fan a todas as que enchemos de visitas o audio de youtube cheo de intencións enormes de quererte; a todas as que non lles faltamos a un bolo que nos cadra preto, ou que convencemos ás amigas para achegarnos a outro que non cadra tan preto, pero seica por alí hai festa.
E éntranos o fenómeno fan, e corremos á libraría de confianza ou ao Culturgal a facernos con el, e compartímolo nas redes e nas conversas de whatsapp e queremos devoralo, e a un tempo temos medo de que haxa algo no papel, nese Todo isto antes era noite, que non respecte a voz de Lucía Aldao, porque hai algo de mística en non estar impresas, como hai en estalo, teño que dicir.
E supoño que o primeiro que sentimos cando abrimos as páxinas de Todo isto antes era noite, é que podemos escoitar perfectamente a voz de Lucía Aldao, con e sen guitarra, cousas que nos soan: ese sácame de poeta, ou ese así, cada quen co seu cancro, sucede. Conseguiu pasalo a papel sen sacrificar absolutamente nada da súa voz, pero tamén achegando algo, o cal non é nada doado cando levas dúas décadas facendo que o mundo coñeza como berras versos. (…)”