A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou na mañá de sábado 9 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as.
A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoræs en Lingua Galega) para someter á consideración da Asemblea Xeral a celebrar o 9 de febreiro de 2019 en Santiago de Compostela, recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2019 respectivamente a Dorothé Schubart e a Pablo Quintana. A Asemblea aprobou as propostas, e a entrega destas distincións terá lugar na IV Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo co apoio do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo.
Mestra da Memoria 2019
Dorothé Schubarth
Fotografía: Premios Martín Códax da Música/YouTube
Musicóloga. Natural de Basilea (Suíza), onde comezou os seus estudos que ampliou en Colonia e Múnich. É directora de coro e musicóloga. A partir de 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna (Suíza) e comeza a desenvolver investigacións arredor das músicas populares europeas. Realizou traballos de campo nos Balcáns, no Cáucaso, Alemaña e Francia cuxo resultado publica no libro Das Volkslied in Europa. Vielfalt seiner Erscheinungsformen (O Canto Popular en Europa. Diversidade das súas formas) (Lucerna, 1978).
En 1978 visita Galicia para coñecer a nosa música popular mais o interese polo que aquí descobre fai que se dispoña a realizar un traballo de campo intensivo por todo o país que remata coa publicación da magna obra en 7 volumes que contén a mellor e máis ampla análise, clasificación e estudo da nosa lírica popular, publicada baixo o título Cancioneiro Popular Galego pola Fundación Barrié en 1984.
O Arquivo Sonoro de Galicia conserva 248 CD con copias dixitalizadas das súas gravacións orixinais e coas correspondentes transcricións a cargo do profesor e filólogo Antón Santamarina.
Entre os recoñecementos que se lle fixeron en Galicia están o I Día das Galegas nas Letras en 2014 e Premio Honorífico 2017 da Asociación de Músicos ao Vivo.
Mestre da Memoria 2019
Pablo Quintana
Fotografía: Canela Producións
Naceu en Vilanova de Oscos (Asturias) en 1956. Reside na Coruña desde 1982. Escritor, investigador, músico e divulgador da cultura popular, material e inmaterial, tanto galega como da Asturias occidental. É autor de numerosos traballos, libros, artigos…, arredor da transformación artesanal do ferro, foxos do lobo, danzas e festas gremiais, zoqueiros, músicas populares e diversos xéneros da literatura popular tradicional.
Coordinou a serie etnográfica Recolleita (Ruada, 1981) que editou o disco coas gravacións das coplas do cego Florencio da Fontaneira e a pandereteira Eva Castiñeira. É autor do LP O cego andante (Ruada, 1982) no que xunto con outros músicos interpretou temas tradicionais recollidos en boa parte por el mesmo.
Dirixiu documentais sobre danzas procesionais e bailes entre 1982 e 1983, en video industrial Umatic, e otros materias videográficos para a produtora Espello Video-Cine.
Traballou na radio desde 1980, primeiro en Radio 80 e despois como técnico en Radio Nacional de España, onde, ademais, se encargou de programas como Garmalleira e Hoxe domingo, así como emisións de intercambio coa Unión Europea de Radiodifusión (UER) para Radio Francia, Radio de Polonia e Radio Praga. Ma actualidade dirixe a Editorial Canela, especializada na publicación de libros sobre personaxes singulares e actividades esmorecentes da nosa cultura popular.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ratificou Maria Teresa Horta como Escritora Galega Universal 2019, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como pola súa incontestábel defensa feminista dos dereitos civís, sociais e culturais na sociedade portuguesa actual.
Fotografía da autora: European Institute for Gender Equality/YouTube
O Premio será entregado o día 11 de maio de 2018, no marco da III Gala do Libro Galego, convocada pola AELG, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega, que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Nas anteriores edicións, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia e Isabel-Clara Simó.
Así mesmo, acordouse que Pilar Pallarés sexa a próxima “Escritor na súa Terra – Letra E” e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo quinta edición; será no mes de xuño no Concello da Coruña.
Fotografía: Distrito Xermar/Centro de Documentación da AELG
Alén de se incorporar Cilha Lourenço, Daniel Asorey e Xoán Carlos Domínguez Alberte ao Consello Directivo da AELG, aprobouse o programa de actividades para o ano, que inclúe como a máis próximas a celebración do vindeiro Día de Rosalía de Castro (24 de febreiro) e o Parlamento de Escritoras/es (15 e 16 de marzo), un lugar para a reflexión, nun momento de especial gravidade no relativo á vulneración na Galiza e no Estado español de dereitos culturais, sociais, políticos, etc., sobre a vinculación entre a escrita literaria e a defensa dos dereitos civís e identitarios, da xustiza social e da liberdade de expresión nas súas máis diversas formas. A defensa destes dereitos humanos é a cerna dos valores irrenunciábeis, que guiarán este parlamento na súa temática e convocatoria, así como nas súas reivindicacións e pronunciamentos. Terá lugar na cidade de Pontevedra co apoio do seu Concello.
O programa aposta por continuar con actividades de traxectoria xa asentada e de alcance social como son os paseos literarios ou os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores da AELG; tamén a organización ou coorganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores-as/educadores-as/mediadores-as da lectura. Tamén se reforza o proxecto coordinado pola Sección de Literatura Oral coa celebración da cuarta Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria e a través da celebración de máis polafías e, no outono, dunha nova edición, a duodécima, da Xornada de Literatura de Tradición Oral.
Asemade, a visibilidade da escritora e do escritor a través da web continuará a ser un eixo central da actuación da entidade co enriquecemento do espazo común e mais de cada páxina individual con que cada Socia/o conta no Centro de Documentación da web da AELG.