Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
““Onde eu vivo viven polacos, italianos, rusos. Ninguén sabe quen son eu, nin que existe Galiza a miña patria”. E, porén, Francisco Álvarez, Koki (A Guarda, 1957), residente en Nova York desde hai décadas, resístese. “Na nosa casa fálase galego, sexa na Galiza, en Nova York ou na China”. E escríbese, porque Koki é poeta e o seu último libro titúlase A memoria das palabras (Edicións Fervenza, 2018).
“Si, as palabras teñen memoria, porque están na lembranza dos nosos corazóns e na dignidade das persoas”, explica a Sermos Galiza vía correo electrónico, “aínda que moitos queiran esquecelas. Tamén están na memoria dos que matan a esperanza”. Para se sobrepor a esa amnesia deu ao prelo 39 poemas que o prologuista, o crítico Armando Requeixo, define como “melancólicos, vibrantes e doridos, o fío de Ariadana que une dous espazos e dous tempos”.
“Descubro o tempo que me falta / para encher as horas perdidas. / Abro o forno e fumo a cinza / que morre na retina. / O tempo é unha hora sonámbula / que non camiña”, escribe baixo a sombra de Manuel Antonio. “O que se perdeu non se recupera máis”, afirma, preguntado pola nostalxia que atravesa o libro, “pero máis que nostalxia, levo unha dor no corazón por ollar unha Galiza surrealista onde se desprezan lingua e memoria”.
E é que a outra liña de forza da Memoria das palabras é a denuncia, a acusación política. “O poeta ten que facer soñar coas palabras, pero tamén repetilas até a saciedade para educar o pobo”, considera, “o poeta, por medio delas, ten que ser a conciencia colectiva dun pobo. Se non é así, para que escribir”. Composicións directas como A riqueza, Coitelos ou Na ponte de Brooklyn son probas da súa hipótese.
“Creo que, como país, Valle-Inclán podía hoxe escribir un bo esperpento da nosa sociedade, civil e política”, describe desde a distancia trasatlántica, “hoxe utilizan Castelao e outros bos e xenerosos aqueles que aínda hoxe loitan contra o seu legado sociopolítico”. O Poema de Fin de Ano pono en verso: “Danme asco as mentiras solidarias, / a ardentía dos falsos Mesías, / e loito por asumir tódolos días / estas existencias de filosofías urticarias”.”