Punto de inflexión, por Rosa Enríquez

Artigo de Rosa Enríquez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Estar “onde está o desexo” e “onde se concede” ten algo de vertixe. É como deixarse ir, lanzarse ao núcleo do acontecer, en principio irrelevante, que nos atrapa. Cazar ou ser cazada. Amar ou ser amada. Noutros casos, ben seguro menos intensos, simplemente presenciar a vibración e pasar ao seu carón. Sen que esta poida afectarnos directamente. Observar entón que lle sucede ao resto de habitantes nocturnos. Ser voyeuse, ou voyeur, ten tamén o seu punto. Se non fose así non habería tantas persoas mirando. Velaquí a experiencia noctámbula dese itinerario polos bares nos que ser, estar e parecer conseguen diluírse e xorde a visión inesperada, ese punto exacto no que as luces de neón, que puntean a escuridade, fan certas concesións e colocan os nosos corpos no lugar que arelamos, ese no que podemos modificar a estrutura das cousas e permitir que un estraño afán nos envolva. Situármonos nese espazo invisíbel no que o desexo se concede faise difícil, mais é o que afirma Lucía Aldao ao final deste libro: “Estás onde está o desexo/ e onde se concede”. Tendo conta disto, se lemos o libro dende o final, veremos, no propio retroceso, o permiso que Aldao se concedeu a si mesma para regresar ao punto de eclosión inicial, isto é, acompañaremos, en certa medida, a voz da poeta nese periplo realizado á inversa que propiciou a construción deste libro, así é que viviremos a elaboración destas memorias dende o mesmo lugar do tempo no que se coloca a construtora do libro: o presente que vira o ollo do retrovisor e pon en marcha o imaxinario desas lembranzas para ordenalo, en principio cronoloxicamente. Emprego “en principio”, porque, talvez, o teña organizado en función das intensidades vividas. Ou daqueles momentos que, na súa memoria, foron o motor inicial, e, dende aí, ata os máis próximos ao presente da poeta. Iso si, para reagrupar estes recordos, subdividiu o libro en seis lugares de paso. Estes son: Velvet, Backstage, Rúa da Independencia -co mítico Bar de Juan-, Artillería e Estacada. Estes espazos nocturnos, moi populares na noite coruñesa, configuran un todo que foi estruturado así para atopar acomodo no papel. Tal foi a decisión da autora, que, moi sabiamente, quixo crear un fío que unise o que estaba separado. Ela mesma explicou isto nunha entrevista: “A verdade é que buscarlles unha casa aos poemas foi un exercicio ben interesante, moi diferente para min, porque eu nunca construíra un libro (…) O xeito que eu atopei para dispór os textos foi un paseo nocturno onde hai seis paradas cuns nomes que veñen xustificados pola temática dos poemas”. Moi atinada esta decisión, coido, porque ese percorrido polos diferentes escenarios da noite coruñesa é o fío que une o que, repito, estaba separado. Alén desta distribución textual, hai algo ben interesante que se pode aprezar coa lectura: a existencia de poemas devorábeis na intimidade lectora e outros en vivo e en directo nun recital. A existencia dos primeiros débese, como explica a poeta, á unha necesidade, experimentada nos últimos anos, de tocar o público lector no espazo privado asociado á tradicional lectura. (…)”