Noelia Gómez: “Foi a través da escrita como souben aceptar o cambio. Así aprendín a comprender a perda”

Entrevista de Montse Dopico a Noelia Gómez en Praza (foto de Carlos Rei):
“A aceptación da perda a través da asunción da idea da vida como tránsito, movemento. A escrita como berce desde o que reconstruírnos. O diálogo coa xinealoxía de mulleres que nos precederon. A mudanza, a transformación do rural e a súa fusión, quizais, co urbano. Son algunhas das ideas arredor das que se artella O xiro (Xerais), o primeiro poemario de Noelia Gómez. A autora respondeu por correo electrónico as nosas preguntas sobre este libro.
– Praza (P): O xiro é o tránsito, o movemento, a mudanza… Por que o poemario se chama O xiro? (Hai unha dedicatoria á avoa no principio do libro relacionada con isto)
– Noelia Gómez (NG): Hai tres anos, en outono de 2016, agromou en min a vontade de escribir sobre o xiro. Foi así tal cal: “quero escribir sobre o xiro”. Como quen di, “estou escribindo sobre flores”, por exemplo, eu dicía “estou escribindo o xiro”. No momento no que xa estaban as partes pechadas, cada poema, cada verso eran os buscados, cando chegou o momento de poñerlle nome a todo iso, decateime de que o título sempre estivo presente, desde o comezo.
Foi algo case innato o nome do poemario. Por outra banda, O xiro comeza a ferver dentro a partir da morte da miña avoa en novembro de 2014. Nese sentido, penso que a afirmación “quero escribir sobre o xiro”, estivo dous anos xestándose ata que un día abrollou. Polo tanto, detrás do poemario hai dous anos de fermentación case inconsciente e dous anos de creación e traballo.
– P: O xiro ten tres partes diferenciadas por un título: contorno, eixe e desprazamento. A primeira parece máis ligada ao rural e a terceira máis ao urbano. Por que esta estrutura en partes? Cal é a diferenza no contido de cada unha delas?
– NG: Cando tiven claro que quería crear un poemario sobre o xiro, pensei nunha estrutura que me permitise reflectir o momento xiratorio. A primeira parte tiña que tratar sobre o espazo e o lugar primeiros. A atmosfera a partir da que estamos xirando. Contorno é a parte máis extensa, está a infancia, o crecemento, a maduración das rapazas que nos criamos no rural. Este é o noso contorno. Un contorno de brañas, cociña de ferro, tractor, árbores, azul.
A segunda parte é o eixe. O eixe é o punto a partir do cal se xira. É o centro do movemento. Neste libro o eixe construímolo nós, as mulleres. É a parte máis feminista na que se tenta deconstruír a perspectiva patriarcal e erguer o edificio desde unha mirada feminista. E por último, no desprazamento, aparece o urbano, o material. Xa non estamos na casa de aldea, estamos na cidade, noutro mar. O desprazamento é o lugar actual no que se atopa a voz poética. A voz poética constrúe o poemario coa concienciación de que vive no desprazamento. (…)”