Cesáreo Sánchez: “Un pobo que non fala a súa lingua é un pobo sen patria”

Entrevista a Cesáreo Sánchez Iglesias en Nós Televisión:
“- Nós Televisión (NT): Estamos no mes das letras que no noso país centraliza boa parte das novas sobre literatura, libros mais tamén sobre escritoras e escritores. Falta visibilizar máis a escritoras e escritores na Galiza?
– Cesáreo Sánchez (CS): Ata que iso aconteza queda moto camiño por andar. A visibilidade do escritor e escritora é pouca, non toda a que debera. Sobre todo no ensino, no día a día e tamén nos mass media. Non é que queiramos ser iconas sociais como noutros campos como o da música, o do deporte ou o do audiovisual. Mais coido que é importante para a saúde dunha sociedade que teña entre os seus referentes sociais escritores e escritoras. É moito o camiño aínda por andar.
– NT: A AELG organizou hai dous meses un Parlamento de escritoras en Pontevedra no que participaron tamén representantes de Catalunya, Euskadi e Portugal. O resultado foi unha crítica ao neoliberalismo, a violencia, as migracións e a situación do galego. Os escritores e escritoras deben implicarse nos problemas da sociedade?
– CS: Creo que a presenza do escritor e escritora na sociedade é necesaria e importante. Implica que un escritor non o é só cando escribe os seus libros. É unha persoa culta, formada, que ten pensamento político, cultural, social…. e que é importante que se pronuncie. Que a sociedade tome conta do que di. Non é que queira que a súa palabra teña máis peso ca outras palabras, mais si é importante que o que é creador de territorios de liberdade para un pobo.
Como dicía Curros, poñer unha estrela na frente do futuro. É importante que os que soñamos o presente e o futuro tamén saibamos comunicar o noso pensamento social, o noso pensamento cultural e tamén o noso pensamento político. A palabra política está moi desprestixiada mais é imprescindíbel. Eu non creo que as cousas teñan que resolverse só desde a técnica ou a administración, senón tamén desde a política como expresión dun ideario e duns determinados valores.
– NT: Este ano a AELG acolleu a organización da Gala do Libro, un exemplo de colaboración entre escritoras, editoras e libreiras.
– CS: É un exemplo a seguir no momento actual. É importante que en todo o sector haxa uns puntos en común para conseguir determinados obxectivos como é o apoio ao libro, o apoio para que haxa un Plan de Lectura, a que se cumpla a Lei do Libro como algo estratéxico dentro dun país… mesmo economicamente, non só culturalmente como depositario da alma e a identidade dun país.
Creo que é importante facer espazos comúns, sumar esforzos. O resultado de sumar esforzos non é unha suma, é unha multiplicación. É o momento de xuntar as mans para turrar na mesma dirección de defensa do país e da súa cultura, do seu idioma.
– NT: Nestes días recollerá a Medalla Alberto Nepomuceno, na modalidade de Mérito artístico pola actividade a prol da cultura, letras e Artes Galegas. Que lle representa recibir este galardón?
– CS: Estou conmovido, emocionado e moi agradecido. Hai dúas cousas que me son especialmente gratas. O nome de Alberto Nepomuceno, un home que achegou a visión do nacionalismo musical dicindo que debía cantarse no propio idioma. Ten unha frase que eu asumo totalmente: “Un pobo que non canta no seu idioma é un pobo sen patria”. Pode trasladarse a nosa lingua, un pobo que non fala a súa lingua é un pobo sen patria.
Logo tamén que a Universidade da man da súa reitoría tivese en conta dalgunha maneira a miña xeración que hai corenta e cinco anos, os que eu levo nestes traballos, puxera como obxectivo de futuro da súa vida crear espazos de cultura como as agrupacións culturais, crear espazos sindicais en defensa dos intereses da clase traballadora. Chégame cando cumpro corenta anos de ter publicado o primeiro libro e corenta e cinco de terme organizado con outras compañeiras e compañeiros para dotar ao país de instrumentos que axudasen a crear a nación.”