Antonio Manuel Fraga: “A novela é unha defensa sen matices do noso dereito a soñar. E non só das crianzas, tamén das persoas adultas”

Entrevista de Montse Dopico a Antonio Manuel Fraga en Praza:
“(…) – Praza (P): O libro está dedicado á mestra represaliada Elvira Bao e á tamén profesora e oceanógrafa Ángeles Alvariño. As dúas galegas e pioneiras. A personaxe de Anxos Nogueirosa naceu, dalgunha maneira, a partir de biografías coma as destas dúas mulleres? En que sentido?
– Antonio Manuel Fraga (AMF): Batín con estas dúas mulleres no proceso de documentación. Gústame dicir que eu non as procurei, senón que elas apareceron para completar a miña historia, para facer que todas as pezas cadrasen. Así que as disfracei como personaxes para incorporalas á ficción. Elvira Bao transfigurouse en dona Elvira, a mestra que Suso e Tila teñen nas colonias escolares de Oza, onde pasan o verán de 1933.
Elvira Bao Maceiras traballou no Sanatorio Marítimo de Oza desde 1920 até o comezo da Guerra Civil, en 1936. Foi presidenta da Agrupación Republicana Feminina, e foron precisamente as súas conviccións como republicana e galeguista as que motivaron que fose destituída e represaliada. Aproveitei da súa biografía os enfrontamentos que mantiña coa dirección do sanatorio para mellorar as condicións da rapazada das colonias, o que me suxeriu un carácter rexo, decidido.
Con todo, nesta homenaxe a Elvira Bao subxace tamén a lembranza dalgunhas mestras da miña vida que me influíron de tal xeito que, en parte, son o que son grazas a elas. A Ángeles Alvariño, pola súa banda, vestina de Anxos Nogueirosa para recrear o período de tempo no que estudou bacharelato en Compostela, antes de se mudar a Madrid para estudar a carreira de Bioloxía. Como pioneira e científica facilitoume a construción dun personaxe caracterizado pola teimosía, polo devezo de superar cada un dos obstáculos que a vida lle vai poñendo diante por ser nova e muller.
– P: Canto ás criaturas do “bestiario científico”, a idea parece recuperar o “bestiario” medieval, no que os monxes pintaban monstros, e mesturalo con algunha influencia da mitoloxía galega. Aínda que penso que as criaturas son inventadas por vós. A creación deses seres, foi un traballo compartido por ti e Víctor Rivas?
– AMF: A palabra “bestiario” xorde ao final, por suxestión dunha amiga, cando pelexaba por lle atopar un título que estivese á altura da historia. Gustábame a idea de vernizar con ciencia aqueles bestiarios medievais, que eran compilacións de criaturas estrañas e marabillosas. O bestiario de Anxos Nogueirosa elabórao unha rapaza cunha clara vocación científica, polo que está afastado do escurantismo e do misterio que, tradicionalmente, caracterizaban eses traballos.
Agás unha das criaturas que aparecen na historia, o resto foron imaxinadas por min e colocadas no hábitat galego que eu consideraba máis adecuado para as albergar. Posteriormente, Víctor Rivas debuxou brillantemente estes seres. Para iso achegouse ao estilo dos cadernos de campo. Nalgúns casos as súas ilustracións concordaban coa miña imaxe mental previa, mais noutras difería por completo. O traballo de Víctor elevou esta historia a un estadio superior. Foi unha inmensa sorte poder contar co seu talento. (…)”