Eduardo Estévez: “Poemas como filmes”

Entrevista de Daniel Salgado a Eduardo Estévez en Sermos Galiza:
“Unha persoa sentada na cociña. Penumbra. Despois, a mesma persoa nun deserto. Está calmada, pero o seu rostro axítase lenemente. A imaxe regresa á cociña. Parece unha secuencia dun filme pero é o núcleo argumental dun poema. En concreto, dun poema do último libro de Eduardo Estévez, [sen-fin] (Positivas, 2019).
“a escena comeza / cun cadáver / boca abaixo no centro da rúa”, principia a obra, “non pasan coches / nin xente / a esta hora da mañá / os domingos”. Sen maiúsculas, sen voz alta, como un cinematógrafo que enmarca a realidade, atento aos detalles, con significadísimos fóra de campo e sobriedade metafórica, a orixe de [sen-fin] confirma a súa aparencia fílmica.
“O libro escribino antes dos dous últimos que publiquei, de baleas (2017) e nós-dentro (2018). Acabara o proceso de Entrar na casa [en colaboración co fotógrafo Nachok], que fora moi negociado, e apetecíame escribir ao meu aire”, conta Estévez (Bos Aires, 1969) a Sermos Galiza. Era 2013. Decidiu daquela recuperar bosquexos dun caderno de notas en que, tempo atrás, recollera ideas para videopoemas.
A situación resultáballe rara. El sempre preferiu escribir no computador ou no móbil. E aqueles prototipos de guión que quedaran en nada convertíanse agora en poemas, inzados de cortes, secuencias e fundidos. “o movemento das pólas / detrás das cortinas / translúcidas / fai xogos de luz / no papel da parede”, di cuarto de hotel, “comezan a oírse voces / nun cuarto contiguo // discuten // a cámara permanece fixa”.
A soidade da vida moderna e o absurdo apenas entornado do cotián. A poética dos obxectos e as trampas da memoria. A ollada espida sobre a cidade e personaxes como de cadro de Hopper. Esa luz que redefine as cousas a cada paso. [sen-fin] é ademais un álbum de fotos, postais lacónicas pero narrativas, a non tanta distancia doutros traballos de Estévez. (…)”