Eduardo Estévez: “O problema principal destes tempos difíciles está na ollada dirixida, no pensamento único, na deliberada confusión informativa”

Entrevista de Montse Dopico a Eduardo Estévez en Praza:
“(…) – Praza (P): [sen-fin] propón, dalgunha maneira, o ollar dunha cámara. Por que? Como xorde?
– Eduardo Estévez (EE): Levaba tempo apuntando ideas para escribir guións de videopoemas. Eran notas manuscritas nun caderniño. É raro, porque eu só escribo no ordenador ou no móbil pero estas notas estaban nunha Moleskine (algo moi “literario”, non?). Un día, despois de terminar o proceso de escrita e construción de ‘entrar na casa’, tiña ganas de escribir algo moi libre, sen os condicionantes do traballo a catro mans, e lembrei dese caderniño que había tempo non tocaba.
Xusto chegoume ao correo a convocatoria dun certame e pensei que era boa escusa para forzarme a traballar cunha data límite. Tiña catro meses de prazo e organicei: tres meses para escribir, un para revisar e corrixir. Un mes máis tarde o libro estaba xa enviado. Foi rapidísimo. Ben se ve que as notas que tiña pousaran e medraran na miña cabeza case sen me dar conta. O que fixen foi converter esas ideas de videopoemas en textos máis ortodoxos pero conservándolles sempre a perspectiva audiovisual, tendo sempre presente que é unha cámara (coas súas limitacións técnicas) a que está mirando.
Pensei, en realidade, que nunca ía ser quen de facer (ou encargar) eses videopoemas e que, se non o facía así, esas ideas ían morrer no caderniño (cousa que tampouco ten por que estar mal pero dábame pena). Finalmente incorporeilles aos textos algunhas reflexións de quen se sitúa deste lado da cámara sobre o que está mirando, sobre o feito de observar. Isto no videopoema supoño que tamén podería facerse (cando ves unha peli esas reflexións están na maneira de montar o plano, de iluminar a escena, de deseñar o audio) pero require unha técnica que eu non coñezo.
– P: No xogo de perspectivas que se propón, un dos “motores” é a busca dunha beleza que parece achegarse e, ao mesmo tempo, fuxir de nós. Cal é a relación de ‘[sen-fin]’ coa procura da beleza? E coa luz?
– EE: A procura da beleza está sempre na miña preocupación cando deseño esas postais, esas paisaxes. Pódese facer poesía do feo, arte do feo. Na fotografía iso é moi evidente. Ou no cine, pero tamén na pintura. Ás veces teño a tentación de escribir cousas feas, reflectir nos poemas a dor e o sufrimento da vida diaria. Unha vez tenteino: fixen un poemario sobre cousas feas, asuntos feos da actualidade política e social. Está sen rematar.
Estevo Creus leuno e díxome que, a pesar das cousas terribles das que falaban os textos, eu conseguía facer que fosen bonitos. Pero creo que prefiro deitar unha ollada sobre o bonito. Que a vida diaria xa nos enche a cabeza de imaxes terríbeis. E quero pensar que a poesía, tamén nese sentido, pode ser un lugar onde mirar a vida doutro xeito. Igual é por iso que non dou acabado aquel proxecto… (…)”