Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“A Manuel Antonio; sempre no mar é un poema esquecido de Celso Emilio Ferreiro. Non se trata dun inédito, dado que se publicou o 24 de agosto de 1960 en La Noche, mais si descoñecido. Non aparece recollido na Poesía Galega Completa (Xerais, 2004) nin nos máis antigos tres tomos da Obra completa (Akal, 1978-1981). Exhumouno o crítico e ensaísta Xesús González Gómez.
O poema que agora recupera Sermos Galiza fai parte do seguimento especial do xornal compostelán La Noche á “gran xornada literaria en homenaxe ao poeta Manuel Antonio celebrada en Asados (Rianxo) na tarde de onte”. En pleno franquismo e coa participación das autoridades.
A crónica central corresponde ao colaborador da publicación Piñeiro Ares e nela relata a misa en honra do poeta oficiada por Faustino Rey Romero e a lectura de poemas de Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Álvarez Blázquez, “o mozo literato de Asados Santos Sende” [Xesús Santos Suárez] e Baldomero Isorna. Tamén interveu o daquela alcalde Martín Gómez Rodríguez.
La Noche deixa espazo ademais para as composicións de Álvarez Blázquez (Manuel Antonio), Sende (Unha noite con Manuel Antonio) e Isorna (El poeta: Alfar de ensueños). Este tamén se encargou da “exaltación da obra literaria do poeta Manuel Antonio”.
Velaquí a transcrición do poema de Celso Emilo Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979):
“A Manuel Antonio; sempre no martes
Meu capitán de ventos i-alboradas,
meu piloto de estranas travesías
por mares nunca d-outros navigados,
de illas non descubertas, misteriosas,
mais alá dos solsticios i-as mareas,
mais alá das escumas i-os solpores,
na pura libertá da noite pecha.
Eu preguntei por ti, calada sombra,
coa voz dos afogados que camiñan
-mudos e núos-
por vereas de peixes e sargazos,
sobre a luz das estrelas mergulladas.
Eu preguntei por ti, viñen de lonxe,
baixei da terra miña montesía
deica a alcendida proa do teu barco,
a babor das saudades i-as lembranzas.
Un longo acordeón de chuvia maina
rachaba o corazón en dous anacos
e puña despedidas e buxolas
nos meriadianos tristes dos ronseles
arados sobre o mar, rumbo a ningures,
meu capitán de roitas imposíveles
que izaches doces grímpolas de sonos
a veira do amencer de cada día
nas orelas de tódolos naufraxios.”