II Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV 21): programa previsto para os 27 e 28 de marzo

Arredor de 70 persoas debaterán sobre libros, cultura e pandemia na segunda edición da FLIV

Helena Villar Janeiro: “Os libros que se relén cando ti xa non es a mesma vólvense novos”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Helena Villar Janeiro en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela a reconciliou coa literatura?
– Helena Villar Janeiro (HVJ): Que haxa cousas que non me gusten non minguou o meu aprecio pola arte de contar, de cantar ou de pensar creativamente, que vén sendo a literatura. Ás veces deixar algo é máis unha administración do tempo que un rechazo real, sobre todo no terceiro acto da vida, no que eu ando. Empezo a desexar re-ler tanto como ler, porque os libros que se relén cando ti xa non es a mesma vólvense novos. (…)
– B: Escribirá as súas memorias?
– HVJ: Tiven oficio, profesión e vocación, dedicacións sociais exercidas con paixón en momentos de grandes cambios. Vendo morrer un mundo e nacer outro, é ben difícil subtraerse á tentación de intervir literariamente ese tránsito, porque afortunadamente estiven en escenarios de visión privilexiada. Gardo bastantes cousas a medio elaborar: material biográfico, da historia familiar e da memoria ancaresa da que herdei moito coñecemento e me apena que se perda. Son, por herdanza e formación na cultura popular, narradora oral. María do Cebreiro tenme falado de facer unha gravación de relatos que me escoitou moitas veces e deberían ter ese formato espontáneo. Se viñesen tempos animosos, poida que me decidise a organizar todo o material e ir buscándo formas para a súa diversidade.
– B: Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
– HVJ: Nacín como poeta con Juan Ramón Jiménez. Estábame iniciando en varias artes: música (guitarra), debuxo, pintura e modelado…, pero el púxome nas alas das súas palabras e empecei a voar, sen saber daquela que fora un namorado de Rosalía e de Curros. Tras este primeiro libro vin a anomalía de non escribir no meu idioma e nese paso foi estimulante a Escolanía de merlos, de Faustino Rey Romero. Entrei na riqueza dos nosos clásicos e procurei ir coñecendo as distintas xeracións canda outras voces poéticas do meu gusto, desde a sufí Rabia Al-Adawiyya á italiana Antonia Pozzi, pasando polos franceses —marcadamente Eluard e Prévert, que traducía—, e as iberoamericanas Cecília Meireles, Delmira Agustini, Gabriela Mistral, Alfonsina Storni… Tamén dei unha boa volta pola poesía anglófona, menos cercana polo escaso coñecemento do idioma. (…)”

Un poema esquecido de Celso Emilio Ferreiro en homenaxe a Manuel Antonio

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
A Manuel Antonio; sempre no mar é un poema esquecido de Celso Emilio Ferreiro. Non se trata dun inédito, dado que se publicou o 24 de agosto de 1960 en La Noche, mais si descoñecido. Non aparece recollido na Poesía Galega Completa (Xerais, 2004) nin nos máis antigos tres tomos da Obra completa (Akal, 1978-1981). Exhumouno o crítico e ensaísta Xesús González Gómez.
O poema que agora recupera Sermos Galiza fai parte do seguimento especial do xornal compostelán La Noche á “gran xornada literaria en homenaxe ao poeta Manuel Antonio celebrada en Asados (Rianxo) na tarde de onte”. En pleno franquismo e coa participación das autoridades.
A crónica central corresponde ao colaborador da publicación Piñeiro Ares e nela relata a misa en honra do poeta oficiada por Faustino Rey Romero e a lectura de poemas de Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Álvarez Blázquez, “o mozo literato de Asados Santos Sende” [Xesús Santos Suárez] e Baldomero Isorna. Tamén interveu o daquela alcalde Martín Gómez Rodríguez.
La Noche deixa espazo ademais para as composicións de Álvarez Blázquez (Manuel Antonio), Sende (Unha noite con Manuel Antonio) e Isorna (El poeta: Alfar de ensueños). Este tamén se encargou da “exaltación da obra literaria do poeta Manuel Antonio”.
Velaquí a transcrición do poema de Celso Emilo Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979):
A Manuel Antonio; sempre no martes

Meu capitán de ventos i-alboradas,
meu piloto de estranas travesías
por mares nunca d-outros navigados,
de illas non descubertas, misteriosas,
mais alá dos solsticios i-as mareas,
mais alá das escumas i-os solpores,
na pura libertá da noite pecha.
Eu preguntei por ti, calada sombra,
coa voz dos afogados que camiñan
-mudos e núos-
por vereas de peixes e sargazos,
sobre a luz das estrelas mergulladas.
Eu preguntei por ti, viñen de lonxe,
baixei da terra miña montesía
deica a alcendida proa do teu barco,
a babor das saudades i-as lembranzas.
Un longo acordeón de chuvia maina
rachaba o corazón en dous anacos
e puña despedidas e buxolas
nos meriadianos tristes dos ronseles
arados sobre o mar, rumbo a ningures,
meu capitán de roitas imposíveles
que izaches doces grímpolas de sonos
a veira do amencer de cada día
nas orelas de tódolos naufraxios.”

Padrón: presentación de Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo, de Xosé Ricardo Losada

OXosé Ricardo Losada venres 29 de abril, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Padrón, terá lugar a presentación do libro Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo, de Xosé Ricardo Losada, publicado en Xerais, nun acto organizado polo Concello de Padrón.

Festa da Palabra na Insua dos Poetas, por Armando Requeixo

Crónica de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Onte sábado, 20 de xullo, o pequeno lugar de Esgueva, na parroquia de Madarnás, concello do Carballiño, acolleu un insólito evento literario: a Festa da Palabra, celebrada nunha contorna natural de excepcional beleza que leva o sonoro nome de Insua dos Poetas.
O organizador do acto, o poeta Luís González Tosar, é tamén o presidente da fundación homónima que convoca cada ano o evento e concede os Premios Sete Carballas para homenaxear distintos particulares ou colectivos que, dende os ámbitos do artístico, o humanístico ou o social, se signficaron a prol da defensa da nosa terra e a nosa cultura.
Este ano os premiados foron, na categoría de Mellor Iniciativa Cultural a Fundación Premios da Crítica de Galicia; na de Arte e Natureza, o pintor Antón Sobral; na de Medio Ambiente, a Asociación Ridimoas; na de Cultura Galega na Emigración, o Instituto Santiago Apóstol de Buenos Aires; na de Compromiso Empresarial, Aceites Abril; na de Acción Social, a Asociación Antidroga Renacer de Ribeira e na categoría de Mellor Medio de Comunicación, a sección de Cultura de La Voz de Galicia.
Con motivo desta entrega coincidiron neste anfiteatro xeórxico artistas, escritores, intelectuais e representantes institucionais nun evento no que interviu como mantedor Xesús Alonso Montero en calidade de presidente da RAG e no que recitaron os seus poemas Salvador García-Bodaño, Arcadio López Casanova e mais Víctor Campio Pereira, aos que acompañaron con interludios musicais os compoñentes do Grupo Tradicional Laghareu.
O acto central desta xuntanza, presentada por Xavier Castro Martínez, foi o desvelamento da escultura Rexurdimento da autoría de Pedro José Rodríguez Álvarez, ao pé da que figuran inscritos versos de Rosalía, Curros e Pondal, pois esta V Edición da Festa da Palabra estaba dedicada, xustamente, ao noso Rexurdimento na voz destes tres incomparables poetas.
Logo da entrega de premios, as correspondentes intervencións e o descubrimento da escultura, tivo lugar un animado xantar campestre no marco do cal foron repartidos diversos agasallos, entre eles a recente edición da Obra poética e teolóxica de Faustino Rey Romero realizada por X. Ricardo Losada e, para algúns escolleitos, un dos contados exemplares do cartafol V Festa da Palabra. Rexurdimento que, para tal ocasión, prepararon os organizadores nunha tiraxe de tan só trinta exemplares numerados e asinados polo autor das sete láminas inseridas na carpeta, o pintor Nicolás González Aller, quen iluminou coas súas coloristas creacións versos de Rosalía, Curros, Pondal, Díaz Castro, Celso Emilio, García-Bodaño e mais González Tosar, algúns deles reproducidos tamén nas esculturas que adornan esta singular paraxe.
Cómpre felicitar á Fundación Insua dos Poetas e o principal promotor e responsable deste evento, o poeta Luís González Tosar, por tan significada iniciativa a prol do espallamento das nosas letras, a nosa cultura e a nosa lingua nunha contorna nomeadamente fermosa na que onte foi a palabra e a palabra de noso a que reinou entre bos e xenerosos.”

Homenaxes para dous académicos no Baixo Miño

A Asociación Levada Libre de Tui inicia hoxe o seu programa de actos para lembrar a figura de Faustino Rey Romero. Este sacerdote, poeta e membro da Real Academia Galega mantivo un estreito vencello coa localidade e para o conmemorar, en nove centros escolares do concello explicarase a súa vida e obra e leranse poemas da súa autoría. O venres 25 de novembro inaugurarase un monumento na súa honra e haberá un acto no que participarán Xosé Luís Méndez Ferrín, Ánxel Vázquez de la Cruz, e mais o músico Tomás Camacho. Tamén no Baixo Miño o vindeiro sábado 17 de novembro, o Concello de Tomiño nomeará Fillo Predilecto ao escritor e académico Xosé Luís Franco Grande.