Un poema esquecido de Celso Emilio Ferreiro en homenaxe a Manuel Antonio

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
A Manuel Antonio; sempre no mar é un poema esquecido de Celso Emilio Ferreiro. Non se trata dun inédito, dado que se publicou o 24 de agosto de 1960 en La Noche, mais si descoñecido. Non aparece recollido na Poesía Galega Completa (Xerais, 2004) nin nos máis antigos tres tomos da Obra completa (Akal, 1978-1981). Exhumouno o crítico e ensaísta Xesús González Gómez.
O poema que agora recupera Sermos Galiza fai parte do seguimento especial do xornal compostelán La Noche á “gran xornada literaria en homenaxe ao poeta Manuel Antonio celebrada en Asados (Rianxo) na tarde de onte”. En pleno franquismo e coa participación das autoridades.
A crónica central corresponde ao colaborador da publicación Piñeiro Ares e nela relata a misa en honra do poeta oficiada por Faustino Rey Romero e a lectura de poemas de Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Álvarez Blázquez, “o mozo literato de Asados Santos Sende” [Xesús Santos Suárez] e Baldomero Isorna. Tamén interveu o daquela alcalde Martín Gómez Rodríguez.
La Noche deixa espazo ademais para as composicións de Álvarez Blázquez (Manuel Antonio), Sende (Unha noite con Manuel Antonio) e Isorna (El poeta: Alfar de ensueños). Este tamén se encargou da “exaltación da obra literaria do poeta Manuel Antonio”.
Velaquí a transcrición do poema de Celso Emilo Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979):
A Manuel Antonio; sempre no martes

Meu capitán de ventos i-alboradas,
meu piloto de estranas travesías
por mares nunca d-outros navigados,
de illas non descubertas, misteriosas,
mais alá dos solsticios i-as mareas,
mais alá das escumas i-os solpores,
na pura libertá da noite pecha.
Eu preguntei por ti, calada sombra,
coa voz dos afogados que camiñan
-mudos e núos-
por vereas de peixes e sargazos,
sobre a luz das estrelas mergulladas.
Eu preguntei por ti, viñen de lonxe,
baixei da terra miña montesía
deica a alcendida proa do teu barco,
a babor das saudades i-as lembranzas.
Un longo acordeón de chuvia maina
rachaba o corazón en dous anacos
e puña despedidas e buxolas
nos meriadianos tristes dos ronseles
arados sobre o mar, rumbo a ningures,
meu capitán de roitas imposíveles
que izaches doces grímpolas de sonos
a veira do amencer de cada día
nas orelas de tódolos naufraxios.”

Rianxo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 19 de xullo

Rianxo: presentación de O viquingo converso, de Xesús Santos Suárez

Rianxo: Catro singraduras en honra de Manuel Antonio

MA_CARTEL_ANUNCIADOR

Rianxo: presentación do primeiro volume da Obra Completa de Manuel Antonio

O venres 29 de xuño, ás 20:30 horas, no Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo (Rúa Autores da Rianxeira, s/n), a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia e o Concello de Rianxo organizan a presentación do número 76 do suplemento cultural A Voz de Barbantia e do primeiro volume da Obra Completa de Manuel Antonio, editada conxuntamente pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié. No acto estarán presentes Xosé Luís Axeitos, editor literario; Diego Rodríguez, Xesús Santos Suárez e Adolfo Muíños.

Xosé Alfredo Naz gaña o XXXVI Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo

Xosé Alfredo Naz gañou o premio XXXVI Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo, que outorga a Fundación Pedrón de Ouro en colaboración co Concello de Vilagarcía de Arousa, coa obra O Mal, e tamén obtivo o primeiro accésit con A sombra da curuxa. O segundo accésit foi para Clara Isabel Rodríguez con Retallos da memoria perdida. O xurado do premio, que tivo escoller entre as máis de 60 obras presentadas, estivo formado nesta edición polo presidente do Pedrón de Ouro, Manuel Caamaño, os membros do Padroado David Otero e Xesús Santos Suárez, os escritores Ramón Caride Ogando, Marcos Calveiro e Miro Villar e o responsable de Normalización Lingüística do concello de Vilagarcía, Manuel Campos Sanmartín. A nova foi recollida en La Voz de Galicia e Faro de Vigo.