Desde Cultura Galega:
“Cúmprense vinte anos da edición por parte de Xerais dun libro de gran formato que supuxo un antes e un despois na visión que temos do imaxinario máxico de Galicia: o Diccionario dos seres míticos galegos, escrito por Xoán R. Cuba, Antonio Reigosa e Xosé Miranda. Vinte anos despois, os protagonistas desta historia reflexionan ao redor dos motivos de escribilo e, sobre todo, do seu impacto na cultura contemporánea do país.
“Foi a publicación dun universo, sobre todo dun universo compartido”, afirma Manuel Bragado, antigo editor de Xerais e responsable da editorial no momento da publicación do Diccionario de seres míticos galegos en 1999. “Serviu para chamar a atención sobre o verdadeiro valor e importancia da cultura popular”, complementa Antonio Reigosa, un dos tres autores, canda Xoán R. Cuba e Xosé Miranda, dunha estensa publicación construída como diccionario pero que, en realidade, é un “ensaio enciclopédico” que recompilaba de xeito exhaustivo aparecidos, trasnos, mouros, sereas, cabalos máxicos, nigromantes, urcos e toda a longa xenea de seres que habitan nos soños antigos do país.
Por incrible que pareza, ata finais da década dos 90 non existía ningunha compilación para o gran público dos mitos tradicionais e antigos do país. En 1998 a Editorial Galaxia publicara unha singular guía de viaxes, a exhaustiva Guía da Galiza Máxica de Vítor Vaqueiro, preludiando esta nova vaga de publicacións centradas no imaxinario tradicional. Ao ollar cara atrás, se cadra, habería que remontarse a proxectos como As lendas tradizonaes galegas (Porto, 1969), de Leandro Carré Alvarellos, para atoparmos cun proxecto similar.
Aínda que a tradición de recollida de lendas era habitual desde o século XIX, a maior parte das publicacións referíanse máis ben a mitos concretos, publicados en revistas antigas e, en gran medida, baixo o ronsel dos grandes etnógrafos da xeración Nós e outros intelectuais da Galicia do século XX. Un detalle chamativo que o explica todo: foi o ilustrador galegocubano Lázaro Enríquez, responsable do importante aparello gráfico do libro, quen tivo o desafío único: “era a primeira vez na historia da nosa cultura que se lle daba rostro a algúns dos seres”. Relatos mantidos durante xeracións e séculos que, a finais do século XX, pasaban por primeira vez dos textos eruditos e dos contos orais a un novo mundo.
A edición de Xerais nese ámbito retrotráese á edición traducida dunha fermosa colección titulada “World Mythologies Series”, de longa vida nos países angloparlantes (13 volumes entre finais dos 70 e principios dos 90) e dos que Xerais publicou en galego algúns moi coñecidos como Druídas, deuses e heroes da mitoloxía celta. “O noso soño era poder contar tamén cunha mitoloxía galega”, sinala Manuel Bragado, “e tamén tiñamos claro que queriamos facer un diccionario, porque outra das tradicións de Xerais era que os diccionarios foran máis alá da lexicografía, que tivese unha intención totalizadora”. Bragado inscribe a produción deste libro nun tempo moi especial da edición do país: “era unha época de entusiasmo. Todos queriamos cubrir espazos para gañar lectores para o galego”.
O libro tivo un éxito notable, ata o punto de que malia ser un “gran formato”, leva cinco edicións en galego desde 1999 e unha en castelán. E abriu liñas de publicación e coleccións na editorial. “A colección Cabalo Buligán comprende vinte volumes de contos da tradición oral para nenos”, e tamén publicamos tres volumes dos “Contos colorados. Narracións eróticas da tradición oral galega”. E, aínda que polas súas características, non se consideraba un libro para a difusión escolar, “resultou un superventas nas escolas”, afirma Manuel Bragado. “Eles publicaron un unvierso, e o fixeron dun xeito moi compartido, colectivo e aberto”, conclúe.
Os tres autores estaban vinculados ao grupo Chaira, centrado na recuperación da tradición oral galega, especialmente na provincia de Lugo. “Os tres autores eramos amigos e coincidiamos en moitos intereses literarios e culturais”, explica Antonio Reigosa. Xoán Cuba, Xosé Miranda e el mesmo decatáronse do inxente caudal de información oral que recollían que a penas era publicado. “Sobre todo no ámbito universitario non se producía practicamente nada sobre a mitoloxía popular”, destaca Reigosa.
Para levar a cabo a tarefa do Diccionario, os autores botaron man en primeiro lugar das vellas fontes, sobre todo do “grupo ourensán” da Xeración Nós. Traballo de hemeroteca, publicacións moi especializadas, pouco accesibles. A maiores, eles engadiron o numeroso traballo de campo que tiñan realizado ao longo da provincia de Lugo, e que era “inédito”. “Por exemplo, o loberno, unha personaxe típica dunha zona da Terra Chá, e moitos matices, sobre todo nos relacionados coa mitoloxía ao redor da morte”. Os autores ían coordinándose na redacción de entradas, na unificación do estilo pero tamén na interpretación dos símbolos que agochan os relatos da literatura popular.
O Diccionario dos seres míticos galegos influiu de maneira notable na cultura galega contemporánea. “Serviu para chamar a atención en certos ámbitos sobre o verdadeiro valor e importancia desta parte da cultura popular e para desmitificar a mitoloxía e facela accesible á xente normal”, explica Reigosa, “foron saíndo monografías, influiu nos traballos universitarios e tamén apareceu literatura infantil e xuvenil que se apoiou no Diccionario para crear personaxes. Non sei se influiu tanto na literatura para adultos”. Segundo Reigosa, o libro permitiu: “axudou a non vivir do externo, a non quedarnos só cos elfos ou cos gnomos, senón que permitiu saber que había uns seres idénticos ou semellantes cun nome noso pero cos mesmos cometidos simbólicos”.
Estes vinte anos foron decisivos para a tradición oral galega. “Hoxe non poderiamos contrastar o Diccionario en campo, sería imposible recoller este material, porque a xeración que nolo achegou xa desapareceu. Na década dos 90 aínda puidemos recoller a unhas xentes que non estaban “contaminadas” polo cine, a televisión ou a literatura”. Sen embargo, desde entón seguen a documentarse seres novos que enriquecen ese acervo. “Nos cocos, nos asustanenos, temos hoxe unha gran variedade de novos seres, que como son moi locais non se coñecían antes. E logo apareceron máis personaxes moi localizados en puntos xeográficos concretos, como a garbanceira”.
E, a maiores, Reigosa creou e xestiona o web Galicia Encantada, que conta con “materiais que non entraron no diccionario porque tampouco os coñeciamos” e que se constitúe hoxe por hoxe a principal referencia dixital para acceder ao imaxinario de seres e lendas do país. Ao xestionar a web, decatouse de que había unha nova vía de traballo de campo, que era a dixital: “a estratexia de animar á xente que te mande cousas funcionou moi ben. Volveu a valernos para recoller moito máis material”. O máis sorprendente ten que ver coas viravoltas da historia: “as grandes sorpresas viñeron incorporando material que chegou desde o mundo da emigración. Mantivéronse alí na terceira xeración, na que lembraban as historias contadas polo avó. E pode darse a paradoxa de que a aldea dese relato xa estea abandonada e coas casas caídas pero a historia orixinal dese lugar aínda estea viva en América”.
De todos os xeitos, o autor destaca como especialmente relevante que o libro sexa empregado polos pais como canle de transmisión da tradición oral galega aos seus fillos. Que sexa usado como ferramenta para dignificar a cultura popular. E tamén que abrira as portas para levar a cabo máis traballos por diferentes investigadores. Aínda que boa parte desa tradición oral esvaera co paso dos anos, o facho do universo mítico do país aínda segue prendido.”