Xosé Manuel Sánchez Rei: “Esta proposta de edición levouse a varias institucións galegas e restáronlle mérito”

Entrevista a Xosé Manuel Sánchez Rei en Sermos Galiza:
“O Cancioneiro de Cipriano T. Enciso ve a luz nos EUA. Conversamos con Xosé Manuel Sánchez Rei (A Coruña, 1973), profesor titular na Universidade da Coruña na área de Filoloxía Galega e Portuguesa, co gallo da publicación da obra pola editora The Edwin Mellen Press.
(…) A querenza de Cipriano T. Enciso pola literatura oral
Cipriano Torre Enciso (A Coruña, 1902 – Madrid, 1995) foi un xornalista e etnógrafo galego. Este persoeiro, “aínda que vinculado ao franquismo”, “tiña unha querenza pola literatura tradicional e a cultura popular”, explica a Sermos Galiza o seu editor, Sánchez Rei. Torre Enciso pasou boa parte da súa vida en Madrid, mais esta afeizón levouno a recoller, “cada vez que viña a Galiza ou a Portugal, en cada romaría, festa ou mercado”, cantares populares co afán de os compilar. “El pedía á xente que lle cantase música tradicional”. Sobre os anos 70 “xa se supón que estaba colixido a maior parte deste material”. E é que no seu legado deixou “varias pastas, varias carpetas” onde cada cantar se presentaba “transcrito en fichas de papel cebola”, separados por temáticas, quer amor, quer superstición, quer cantos de berce etc., “o que T. Enciso considerara que tiña de aparecer”, comenta Sánchez Rei. E así até 7000.
Os textos do cancioneiro: de “Ana Bolena” a “Airiños, airiños aires”
Conscientes de seren case sete mil cantares os que Torre Enciso recolleu, non é de estrañar que estes presenten unha moi diversa xénese ou procedencia. Un plus que enriquece, aínda máis, o seu legado. Poñamos como exemplo para ilustrar tal circunstancia o feito de que, entre tanto material, podemos atopar “textos que T. Enciso tirou doutros cancioneiros, tal cal, recollidos por Pérez Ballesteros ou Cabanillas”, xunto a outros textos “que son moi recentes porque foron xerados no século XX; el recolleunos en festas ou romarías. Hai tamén outros que foron popularizados na literatura galega, como é o caso de ‘Airiños, airiños, aires’, que se fixeron extremadamente coñecidos”, afirma Sánchez Rei. Deste modo, o seu editor dá conta da existencia de varias procedencias que o colector non referenciou, nin comarcal nin rexionalmente, “todo un reto para nós”, engade, pois “tratamos de facer unha edición que fose rigorosa, tendo en conta todas esas variantes dialectais, rexionais, estilísticas”. Características que ficaron plasmadas con rigorosidade nas case catrocentas páxinas destinadas ao estudo introdutorio. Por outra banda, destácase que, efectivamente, “hai cantares que remontan con claridade ao século XVIII, que se fixeron moi populares, moi coñecidos, xa recollidos por Sarmiento ou por Sobreira, e outros máis actuais, como ‘A saia da Carolina’”, que é un texto moi recente.
Á parte, e polo tipo de lingua, tamén se poden diferenciar entre os que son galegos ou portugueses, “ben como as variantes dialectais que nos indican con certa fiabilidade de que rexións da Galiza poden provir”. “Queriamos facer unha edición seria, que respectase todas as variedades lingüísticas”. Unha característica moi peculiar que incrementa o valor intrínseco á propia colectánea, pois, tal como explica Sánchez Rei, “no día de hoxe non hai ningunha obra da mesma índole que recolla textos galegos e portugueses de forma conxunta”. E iso hai que o pór en destaque. E é que, para Xosé Manuel Sánchez Rei, unha das características máis notábeis desta colección de textos tradicionais é o feito de o colector incluír textos de orixe portuguesa, os cales foron adaptados polo colector para os versionar en galego. Un feito “curioso porque os textos portugueses adaptounos á grafía galega”, é dicir “foron adaptados ao galego da época, mais formas como ‘embora’, ‘gosto’, e outras, que só se usan no galego culto, tórnanse estrañas na lingua popular e insinúan con clareza estarmos perante textos da outra marxe do Miño”. Tamén subliña a circunstancia de incorporar cántigas datadas en diferentes períodos históricos (séculos XVIII, XIX, e XX), trazos que, no seu conxunto, entre o número de poemas e a súa diversa procedencia, fan deste cancioneiro un dos máis importantes de todos os publicados até a actualidade. (…)”