Anselmo López Carreira: “A presenza da Galicia medieval quedou marxinada”

Entrevista de Irene Pin a Anselmo López Carreira en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): É posíbel unha consideración e categorización axeitada da nosa produción cultural medieval sen ter en conta a existencia do reino da Galiza?
– Anselmo López Carreira (ALC): Evidentemente, non. Ese é quizais o aspecto máis importante do traballo que se acaba de publicar. Máis que sentar teses estilísticas acerca de cal tipo de arte había, ou renomear a letra –aínda que á visigótica non ten sentido chamarlle así–, a reflexión que fago de base é que desde o momento en que se centra a nosa historia en nós mesmos e se recupera a existencia dun reino da Galicia, todo o que se move ao seu redor, no que se inclúe a produción cultural, hai que observalo desde ese punto de vista. Polo tanto, cómpre recuperar a nosa entidade e, unha vez feito iso, recolocar todo o demais, é dicir, cambiarlle as coordenadas.
– SG: A que se debe daquela a resistencia da historiografía oficial a asumir Galiza como unha realidade política diferenciada durante a Idade Media?
– ALC: Xustamente estamos un colega e mais eu reflexionando sobre ese asunto neste momento. Eu creo que á hora de buscar as causas faise bastante complicado, porque non podemos caer na simplificación de que desde fóra nos maltratan. Desde logo, se tivésemos producido de maneira continuada unha historiografía potente, teriamos os elementos de defensa da nosa propia historia. Hai un proceso en conexión dialéctica, por iso é moi difícil saber que é antes. Ao longo dun período, Galicia entra nunha situación de dependencia que se manifesta a todos os niveis: político, económico e, naturalmente, tamén cultural e historiográfico. Porén, a razón pola que se produce ese fenómeno é unha interacción entre fenómenos externos e internos. Desde Castela, expoñámolo desta maneira, que ademais é correcta, hai a partir do século XV un proceso de expansión do Estado coa lingua como compañeira do imperio, e na Galicia vai haber unha serie de sectores hexemónicos que se acoplan a esa situación de dominio. Á hora de repartir responsabilidades e identificar causas temos entón que mirar dentro e fóra. A min paréceme determinante o feito de que na Galicia non tivese existido desde a Baixa Idade Media (séculos XIV‑XV) un grupo ou clase social –primeiro nobreza, despois burguesía–, que fose capaz de asumir un proxecto de país. No entanto, pregáronse a unha nova organización na que a Galicia quedaba nunha situación dependente. Houbo unha fidalguía que se adaptou e unha burguesía que despois reclamou o poder proteccionista do Estado español, e ningunha delas foi quen de producir unha cultura e unha historiografía propias. Ao contrario, son as grandes receptoras dos modelos culturais importados.
– SG: E esta dinámica mantense na actualidade?
– ALC: Si, continuamos até hoxe. Inclusive cos medios de comunicación masivos, nos que se percibe moi ben na actualidade que aquí hai unha gran maioría da poboación que vive arredor desa mensaxe cultural, ou moitas veces infracultural, importada e dominante. (…)”