Após a publicación do informe do Comité de Ministros do Consello de Europa a respecto do escaso avance na aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere facer constar a súa profunda preocupación ante o que considera, por parte dos gobernos español e galego, un explícito desatendemento do proceso de normalización lingüística.
Como traballadoras da palabra, as escritoras e escritores en lingua galega non podemos máis que facer notar o noso desacougo ante o desamparo ao que se ve sometida a lingua galega a nivel institucional desde a aprobación dun marco legal regresivo para a vitalidade do galego.
A falta dunha política verdadeiramente transformadora para a lingua, a nosa principal ferramenta de construción creadora, vese evidenciada máis unha vez polas institucións europeas, como continuidade das diferentes sentenzas xudiciais de ámbito galego que xa anularon algunhas das propostas involucionistas do goberno.
A presenza do galego é insuficiente en varias áreas da comunicación social e o seu incumprimento vén recollido no informe de expertos, mais é especialmente salientábel a recomendación primeira e prioritaria: «Eliminar as limitacións para o ensino en galego en todos os niveis educativos».
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere lembrar que a esta situación se chegou por vontade unilateral do goberno galego hai unha década, ignorando a vontade da maioría social e desoíndo a reflexión das profesionais do ensino e da sociolingüística.
Un informe que recibimos a seguir da publicación polo Instituto Galego de Estatística dos datos estatísticos que poñen en evidencia como a nosa lingua perde presenza entre os máis novos, posto que xa o 25% manifesta non saber expresarse na lingua de noso. Resultados que chegan após a imposición do Decreto 79/2010, que contou cunha amplísima oposición social e que, nove anos despois, se demostra como un elemento que non impediu os retrocesos e, por suposto, non supuxo ningún avance.
Somos traballadoras da palabra de noso que leva apegada nela a memoria colectiva e como tal reclamamos que as autoridades atendan co debido respecto as advertencias do Consello de Europa.
Entendemos que estas advertencias deberán ser motivo de reflexión para quen ten a obriga legal e moral de coidar da lingua propia, após ser recriminado publicamente con tal contundencia e claridade. No entanto agardamos que polo menos sirvan para mudaren o camiño que nos leva á extinción lingüística e cultural.
Por iso a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega considera que cómpre virar o rumbo e derrogar as normas que impiden o uso da nosa lingua na docencia de todas as materias, para camiñarmos cara á galeguización do ensino como paso imprescindíbel para frear o descenso do uso da nosa lingua e recuperar o seu uso, así como garantir o seu futuro.
O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
19 de decembro de 2019