Man, a icona do ‘Prestige’ que morreu de tristura

Desde Nós Diario:
“(…) O obxectivo de Man, como o describe Beatriz Maceda para Nós Diario, é “que a rapazada coñeza Man en toda a súa vertente”. “A súa figura paréceme todo un exemplo para a mocidade. Non digo que teñan que ir en taparrabos ou facerse anacoretas, mais se a todos se nos contaxiase algo da súa coherencia e do seu ecoloxismo, mellor nos iría”, engade.
Esa “coherencia” é, para a autora, o trazo definitorio do alemán de Camelle: “Impactoume moitísimo a súa figura, tanto pola súa forma de vida como por esa coherencia que a determinou, tanto no persoal como no referente á súa obra. Era unha persoa que estimaba e admiraba, até o punto de que pasei varios días chorando cando souben do seu pasamento, que para min simbolizou a crueldade desta sociedade”.
Porque Beatriz Maceda, como tantas outras persoas, consideran que Man non morreu “de causas naturais”, como informaron as autoridades, senón “da pena, da tristura” causada por ver a súa terra de acollida tinguida de negro chapapote após da crise do Prestige.
“Cando viu que todo o mar estaba negro, el decidiu pecharse na súa cabana e morrer. A xente da vila ía alí a levarlle comida, pero non lles abría a porta. Cando decidiron botala abaixo, xa era demasiado tarde, estaba morto. A profecía da balea negra facíase realidade”, explica a autora de Man.
Esa profecía da balea negra que referencia a escritora e profesora tivo lugar uns meses antes de que tivese lugar a catástrofe do Prestige, cando Man lle contou a varios veciños da zona un sinistro soño naquel idioma que falaba, un castelán galeguizado profuso en infinitivos: “Seguirá llegando alquitrán hasta que no quedar más en mar, y cuando ya no llega alquitrán, venir una ballena negra, grande como Costa da Morte, muerta. Entonces yo enterrar y todo acabar para min”. Moitos relacionaron o soño do alemán de Camelle co mito da trabe, segundo o cal o home, buscando a trabe de ouro, atopará a trabe de alcatrán e o mundo afundirá.
O volume de Medulia Editorial é unha edición corrixida e aumentada que presenta un novo formato e chega máis de sete anos despois do seu lanzamento orixinal, por parte da desaparecida Galebook.
Beatriz Maceda revela que, no seu momento, o libro tivo “moi boa acollida”, mais facíase “necesaria” esta revisión, porque “as cousas cambiaron moito desde 2012, pois agora hai un museo dedicado á figura de Man e restaurouse a cabana onde vivía”.
Entre os extras desta nova edición destacan “unha unidade didáctica para que a rapazada pense e traballe sobre a figura de Man” e “un anaco do seu testamento, no que expresa o seu desexo de que se conservase o seu legado, quedando a disposición do Ministerio de Educación, para o que deixaba os aforros de toda unha vida, 120.000 euros que nunca se recuperaron, pois quedou con eles Facenda”.
O principal beneficiado da reedición de Man foi o apartado gráfico, que vai asinado pola ilustradora Laura Veleiro. “A anterior edición non estaba mal, pero era cadrada, máis pequena, e o novo formato non presenta esas limitacións, permitindo presentar incluso láminas a dobre páxina”, conta a ilustradora a Nós Diario.
Nos seus debuxos, “feitos con lapis, acuarela e algún detalle en tinta, ao estilo tradicional”, pretende “mostrar, especialmente á rapazada, como estaba o museo de Man e como eran as súas obras cando estaban acabadas de facer, e non estragadas polo tempo, para que miraran a beleza que el vía en todo o que o rodeaba, esa foi a miña inspiración”.”