Entrevista a Vicente Araguas en Diario de Ferrol:
“Vicente Araguas (Xuvia-Neda, 1950) volta á poesía en galego con O amor non se fala soamente (Ronsel do 68), editado por Medulia.
Máis de trinta poemas dan forma a un traballo no que a épica e a lírica van da man, onde o “nós” e o “eles” deixa paso tamén ao “eu”, porque para esa primeira persoa que é Araguas o maio do 68 significou moito. Case todo.
Nesa época chegou á Universidade, a Compostela, e alí foi parte do movemento estudantil que alzou a súa voz pola liberdade e por un mundo máis xusto. Araguas fíxoo ademais con letras e música, xunto cos outros compañeiros universitarios cos que nacía Voces Ceibes, canción protesta nunha época tinguida pola escura ditadura.
O prolífico escritor nedés, afincado en Madrid –onde segue a exercer como profesor emérito, pero que regresa con asiduidade á súa vila natal–, reivindica ese maio do 68 nun libro que emerxe como unha sorte de calendario, con versos que se moven entre “Viña seembro tan cheo de vontades” ou o “Outubro, río turbo”, para facer tamén unha parada no “Novembro de ventura” ou na “Semana Santa do 68”.
Estes son só algúns dos poemas que dan vida a unha obra que, como o propio autor relata, foi cociñada a propósito dun curso monográfico que impartiu o pasado ano na Universidade Senior da Complutense de Madrid e que xiraba precisamente sobre a revolta que tivo o seu xermolo en Francia.”