Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“A pandemia da COVID-19 está provocando unha enorme distorsión no mundo da cultura que ten dúas caras. Por unha banda, está a suspensión case completa de calquera actividade cultural pública: cines, teatros, lecturas, concertos, rodaxes, gravacións, presentacións, feiras… cancélanse en todo o mundo sen que se coñeza cando nin como se poderá recuperar a normalidade, e sen que estea aínda claro cales serán os efectos económicos desta parálise nun sector xa de seu carente de políticas públicas e moi afectado pola precariedade. É moi cedo para facer contas, pero as primeiras estimacións feitas pola Asociación para el Desarrollo de la Propiedad Intelectual (Adepi) falan dunhas perdas de 3.000 millóns de euros no conxunto do Estado. Véxase como se vexa, unha catástrofe para o sector.
Mais hai outra cara, quizais menos visíbel a primeira vista, pero que se albisca ao facer inventario das múltiples iniciativas que xorden para manter a cultura na axenda da cidadanía: obras teatrais retransmitidas en streaming, vídeos de concertos e representacións, películas que se liberan para que o público poida acceder a elas de balde, publicacións que autores e editoriais ceden de xeito altruísta… Pode parecer que esta súbita xenerosidade é contraditoria coas perdas millonarias que se prevén para o sector, mais quizais é neste punto onde aparece a cultura e desaparece a industria cultural, onde se revela a cultura como creadora de comunidade, como espazo para a empatía e a reflexión crítica sobre nós mesmos.
David Rodríguez, escritor, xornalista e crítico cultural, cre que “o mundo cultural, en xeral, vive nunha contradición permanente que non acaba de resolver: por un lado, proclámase que a Cultura é unha esfera separada do mercado e, polo outro, reivindícase o peso das industrias culturais; é dicir, queremos ser algo diferente do capitalismo pero, ao mesmo tempo, somos parte do capitalismo e, ademais, reivindicamos a nosa produtividade. Iso, nun momento de terciarización da economía onde a produción intelectual ten moito máis peso na engrenaxe económica (teoricamente, porque, en realidade, todo acaba sendo precariedade). Daquela, cando se dá un fenómeno como este, que ten carácter de acontecemento, ábrese a veta idealista do mundo da cultura”. Rodríguez interpreta isto como un síntoma: “en momentos de shock como este, sempre se pensa no mellor e no peor e, como hai moita xente que pensa no mellor, hai un certo movemento cara ao utópico: a situación de excepcionalidade provoca que –polo menos aparentemente– a lóxica do mercado se deteña e, daquela, aflora o ser humano como ser humano, e non como consumidor. Aí sae a percepción de que o que viviamos antes desta crise non era unha comunidade de verdade, de que iso aínda está por construír”.
Paula Cabaleiro, comisaria de arte, tamén ve na excepcionalidade da situación unha oportunidade: “A cultura traballa sempre con material sensíbel e, en momentos como este, no que parece que todo se derruba, a materia sensíbel é o único ao que podemos apelar, o que nos está unindo fronte unha ameaza descoñecida. A cultura non sempre se entende como un ben de primeira necesidade e, precisamente, estes momentos catárticos poñen en evidencia que as persoas precisamos desenvolvernos dentro dunha identidade cultural e que necesitamos relacionarnos a través das manifestacións desa identidade.
Por outra banda, a cultura ten unha gran capacidade para mutar e de xerar unha dimensión simbólica a través de calquera medio: de feito, vemos como moitas convocatorias de carácter social están deseñadas a partir de estratexias previamente experimentadas polo mundo das artes plásticas, da performance, da danza… Neste caso, a adaptación ao medio dixital responde a unha necesidade de resistencia simbólica fronte a unha circunstancia moi desfavorábel”.
Xesús Ron, director da compañía Chévere, ten unha longa experiencia en compartir contidos a través da rede: o sitio web da compañía, leva moitos anos subindo material documental que recolle as súas producións. Ron apunta a un xeito de superar a contradición sinalada por Rodríguez: “A filosofía de redenasa procede da consciencia de que nós facemos produción cultural, en boa medida, grazas a que recibimos diñeiro público; subir eses contidos á rede é un compromiso co retorno social que deben ter eses cartos. É certo que o noso é teatro e dá un pouco igual porque a experiencia do público non é a mesma vendo unha gravación que asistindo a unha función, pero precisamente por iso é bo que as obras de teatro ou os concertos de música exploren formas de devolverlle á sociedade o diñeiro que esta investiu neles”.
En todo caso, pode formularse a dúbida de se esta situación – en principio, temporal– podería reforzar a tendencia do consumo cultural a refuxiarse no mundo virtual, se as tecnoloxías da comunicación non ocuparán un espazo aínda maior na órbita do consumo cultural. “Iso tamén é inherente ao momento do acontecemento”, explica David Rodríguez, “e nese sentido, a experiencia do maio do 68 é moi gráfica: despois dos momentos de máxima utopía, cando esta non se consuma e se dá a volta á orde, esta orde desenvolve unha capacidade extraordinaria para apropiarse desas prácticas que naceron como utópicas”.
Ron, non obstante, matiza que “o virtual tamén xera comunidade, crea lazos. Outra cousa é que se pretenda crear comunidade exclusivamente cos vínculos tecnolóxicos –que, efectivamente, podería suceder– pero até o de agora o que eu vexo é que a comunidade virtual e a real se fortalecen. As redes creadas por compañías de teatro, ou por editoriais ou por calquera outro tipo de axente cultural xera un sentimento de pertenza que é virtual, pero que ten unha realidade detrás”. O que está ocorrendo, “é unha situación pasaxeira na que se está reivindicando a natureza presencial de certo tipo de arte: fálase moito do invasivas que son as tecnoloxías pero o certo é que nunca houbo tantos concertos, tantos festivais, tantas funcións de teatro… As estatísticas están aí e eu creo que se consolidou o directo. Nesta guerra entre o consumo real e o dixital, as artes vivas están saíndo reforzadas. Podemos falar doutros problemas pero non creo que agora mesmo exista unha crise de público. Noutros xéneros como o cine os problemas son doutra natureza: nós vímolo coa adaptación ao cinema de Eroski Paraíso, que tivo pouco máis da décima parte de espectadores que a montaxe teatral. Pero aí tamén xoga a dificultade de colocar un filme nas salas de exhibición”.
Paula Cabaleiro engade que “esta situación faranos máis conscientes da dimensión social que ten a cultura, da busca de contacto que implica a asistencia a calquera manifestación cultural”. En certa forma, subliña, “o feito de que os soportes materiais coma os CD ou DVD desaparezan en beneficio de plataformas como Spotify ou Netflix tamén nos abre os ollos sobre ese valor engadido de encontro colectivo que ten a cultura. Creo que a invasión de pantallas está provocando unha volta á cultura en vivo e que este confinamento que estamos vivindo vai reforzar esa valoración da cultura como feito social. Agora todo o mundo é consciente da gravidade dunha situación histórica que vai traer, ademais, unha crise económica moi severa; mais tamén creo que, socialmente, vai haber lecturas moi proveitosas, vai haber moitas certezas que se van poñer en cuestión”.”