Héctor Cajaraville: “Quixen sobre todo deixar claro o compromiso permanente de Carvalho Calero coa lingua como creador, como intelectual e como docente”

Entrevista a Héctor Cajaraville na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Esta [Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso] é a segunda biografía sobre o protagonista do Día das Letras Galegas que escribe para Xerais, despois da dedicada en 2019 a Antonio Fraguas. Como foi desta volta a experiencia? Vostede é docente de lingua e literatura galegas. Que imaxe tiña de Carvalho Calero antes de escribir esta biografía e que descubriu del ao emprender a escrita deste libro dirixido a un público que se move entre a primaria e a secundaria?
– Héctor Cajaraville (HC): Ademais dos títulos das súas obras e algún episodio clave da súa vida, pouco máis sabía. Coñecía, por suposto, toda a polémica suscitada pola súa deriva cara á confluencia entre galego e portugués e algunhas opinións sobre a súa personalidade ou o seu carácter. E algo que a min me afectaba máis como biógrafo: fixérame á idea de que se trataba dun individuo gris e aburrido que non habería modo de “vendérllelo” aos rapaces e rapazas… Todos eses panos foron caendo e fun descubrindo unha personalidade fascinante, un intelectual pioneiro en moitas das súas múltiples facetas, arriscado, comprometido e valente, o que trouxo consigo a súa marxinación no ámbito académico e intelectual, e mesmo que tiña unha traxectoria vital interesante e atractiva.
No caso de Antonio Fraguas a tarefa xa non foi doada, pois non era o típico homenaxeado no Día das Letras Galegas dos últimos anos, con obra literaria infantil e xuvenil, cunha traxectoria coñecida a nivel xeral. Carvalho Calero, outro tanto, así que o traballo de novo non era fácil. Había que empezar polo máis básico: datos biográficos, obra publicada, recoñecementos… Pero, sobre todo, convencer o alumnado de que este autor non só era merecente da homenaxe que supón dedicarlle o Día das Letras Galegas deste ano, senón de que foi alguén que se dedicou en corpo e alma á lingua e á literatura, e incluso de que tivo unha traxectoria vital que paga a pena coñecer.
Algúns elementos xogaron ao meu favor, ademais dos múltiples escenarios en que transcorreu a súa vida, o que sempre axuda a artellar un relato máis ameno. Por exemplo, o variado da súa obra literaria (relatos curtos, textos infantís, narrativa, poesía, teatro…), que lle dá ao libro un dinamismo que non tería alguén que só cultivou a poesía ou o teatro, ou o seu labor académico, no que foi pioneiro en varios aspectos. E logo está tamén esa cuestión do outsider, do incomprendido, do que vai quedando só… Iso tamén posúe un innegable atractivo literario. Na parte das complicacións, o meu medo era abordar todo o relativo á preferencia lingüística de Carvalho Calero de xeito parcial, incompleto ou difícil de entender. Pero penso que esta cuestión quedou suficientemente clara: hai un capítulo enteiro do libro dedicado a isto, probablemente o capítulo no que investín máis tempo para a súa redacción.
– RAG: Como concibiu o libro?
– HC: Como unha especie de relato que avanza con fluidez e que só se detén nos momentos transcendentais na historia do autor, nos que a súa personalidade se mostra con maior claridade: a morte da nai cando el era aínda un neno, o seu namoramento de Santiago cando chega para estudar na súa universidade, o estalido da guerra civil –que o sorprende en Madrid presentándose a unhas oposicións–, os seus anos na fronte e no cárcere, a súa condición de represaliado durante máis dunha década, a súa capacidade de superación –acabou aprobando aquelas oposicións con 54 anos–, unha entrega á docencia que o leva a seguir traballando unha vez xubilado… Pero sobre todo quixen que quedase claro o seu compromiso permanente coa lingua, como creador, como intelectual e como docente. Un compromiso que o levou, como el mesmo recoñeceu, a abandonar a súa vocación de escritor, sobre todo de poeta, para desenvolver outro tipo de angueiras: elaborar unha gramática da lingua practicamente en solitario, abordar unha historia da literatura galega como nunca antes se fixera, compartir o seu coñecemento cos demais, abandeirar todo tipo de actos vinculados á defensa da lingua… (…)”